Camariñas inicia por fin a contratación da primeira fase do Museo dos Naufraxios
O Concello de Camariñas iniciou hoxe, martes 17 de marzo, a contratación do novo proxecto para a primeira fase do Museo dos Naufraxios na que se abrirá ao público a Sala de Exposicións ‘Beti Donosti’. O orzamento total da actuación ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña aporta, a través dunha subvención nominativa, o 76,7% (330.000 euros).
Longo proceso
Este novo proxecto, que sufriu varias modificacións con respecto ao inicial aprobado xa en 2020, é o resultado da loita do Concello para poder rehabilitar o inmoble, debido ao seu alto valor sentimental, demostrando que estruturalmente estaba en condicións de renovarse tras recibir un informe onde se recomendaba o seu derrubamento.
O proxecto consiste na reparación e consolidación dos elementos estruturais do edificio da Lonxa Vella, así como das obras de reforma da envolvente exterior do mesmo, co fin de recuperalo, evitando así o seu deterioro e así poder destinalo á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’ e ao futuro Museo dos Naufraxios.
Unha vez rematados estes traballos no exterior, preténdese recuperar a funcionalidade deste edificio público rehabilitando unicamente unha zona da planta baixa do mesmo. Alí proxéctase unha zona na que se acondicionarán servizos eun espazo de uso público destinado á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’. Ambos espazos estarán comunicados entre si a través dunha zona común que terá acceso desde o exterior.
Nesta primeira fase non se acondicionarán as estancias da planta alta, só se demolerán as escaleiras, os tabiques e os acabados existentes. Será na seguinte fase, que se ocupará do acondicionamento interior do ‘Museo dos Naufraxios’, na que se deseñará e se compartimentará a planta alta en conxunto coas dúas ás da Lonxa na planta baixa.
O prazo de recepción de ofertas remata o 4 de abril.
Novas do proxecto
- Decembro 2025: Paso definitivo para transformar a antiga lonxa de Camariñas no Museo dos Naufraxios
- Setembro 23: Novo financiamento provincial para a conversión da Lonxa Vella de Camariñas no Museo dos Naufraxios
- Marzo 22: O Museo dos Naufraxios na Lonxa Vella de Camariñas xa ten forma
- Setembro 21: A Deputación confirma o seu “total apoio” ao Museo dos Naufraxios de Camariñas.
- Maio 21: A transformación da Lonxa Vella de Camariñas no Museo dos Naufraxios colle músculo financieiro.
- 09-20: O proxecto de creación do Museo dos Naufraxios na Lonxa de Camariñas avanza.
- Xaneiro 2020: O Concello de Camariñas esixe a cesión da Lonxa Vella por parte da Xunta para albergar o Museo do Mar.
- 32 anos solicitando un Centro de Investigación de Arqueoloxía Subacuática.