martes. 17.03.2026
El tiempo

Camariñas inicia por fin a contratación da primeira fase do Museo dos Naufraxios

Proxecto para a reforma da lonxa vella de Camarinas para o Museo dos Naufraxios
Proxecto para a reforma da lonxa vella de Camariñas para o Museo dos Naufraxios
Camariñas inicia por fin a contratación da primeira fase do Museo dos Naufraxios

O Concello de Camariñas iniciou hoxe, martes 17 de marzo, a contratación do novo proxecto para a primeira fase do Museo dos Naufraxios na que se abrirá ao público a Sala de Exposicións ‘Beti Donosti’. O orzamento total da actuación ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña aporta, a través dunha subvención nominativa, o 76,7% (330.000 euros).

Longo proceso

Este novo proxecto, que sufriu varias modificacións con respecto ao inicial aprobado xa en 2020, é o resultado da loita do Concello para poder rehabilitar o inmoble, debido ao seu alto valor sentimental, demostrando que estruturalmente estaba en condicións de renovarse tras recibir un informe onde se recomendaba o seu derrubamento.

O proxecto consiste na reparación e consolidación dos elementos estruturais do edificio da Lonxa Vella, así como das obras de reforma da envolvente exterior do mesmo, co fin de recuperalo, evitando así o seu deterioro e así poder destinalo á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’ e ao futuro Museo dos Naufraxios. 

Unha vez rematados estes traballos no exterior, preténdese recuperar a funcionalidade deste edificio público rehabilitando unicamente unha zona da planta baixa do mesmo. Alí proxéctase unha zona na que se acondicionarán servizos eun espazo de uso público destinado á Sala de Exposición ‘Beti Donosti’. Ambos espazos estarán comunicados entre si a través dunha zona común que terá acceso desde o exterior. 

Nesta primeira fase non se acondicionarán as estancias da planta alta, só se demolerán as escaleiras, os tabiques e os acabados existentes. Será na seguinte fase, que se ocupará do acondicionamento interior do ‘Museo dos Naufraxios’, na que se deseñará e se compartimentará a planta alta en conxunto coas dúas ás da Lonxa na planta baixa.

O prazo de recepción de ofertas remata o 4 de abril.

Novas do proxecto

Outras novas

Comentarios