martes. 23.12.2025
El tiempo

Paso definitivo para transformar a antiga lonxa de Camariñas no Museo dos Naufraxios

Grupo de goberno do Concello de Camariñas con Valentin Gonzalez Formoso
Grupo de goberno do Concello de Camariñas con Valentin Gonzalez Formoso
Paso definitivo para transformar a antiga lonxa de Camariñas no Museo dos Naufraxios

Asinaron onte opresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, un paso fundamental para o proxecto do futuro Museo dos Naufraxios. Trátase do convenio de colaboración para financiar as obras de reforma da envolvente exterior da antiga lonxa de Camariñas e da sala de exposicións “Beti Donosti”. O investimento total ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación achega o 76,7 %, cunha contribución de 330.000 euros, mentres que o Concello asume o resto do financiamento con fondos propios.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, puxo en valor a importancia do proxecto . “Falamos dun edificio que forma parte da memoria colectiva de Camariñas e que levaba anos deteriorándose. Grazas á colaboración coa Deputación, hoxe damos un paso decisivo para recuperalo e para facer realidade o Museo dos Naufraxios, un proxecto moi ambicioso que pretende poñer en valor a nosa relación co mar e coa historia da Costa da Morte”, afirmou.

As obras, unha vez finalizadas, permitirán dispoñer dun edificio estruturalmente consolidado, protexido fronte aos axentes meteorolóxicos e listo para afrontar a seguinte fase de acondicionamento interior e musealización do futuro Museo dos Naufraxios, un ambicioso proxecto chamado a converterse nun novo símbolo cultural do municipio e da comarca.

As obras

A actuación permitirá recuperar un edificio emblemático situado no peirao do Curbeiro, actualmente en estado de abandono tras décadas sen uso nin mantemento, e constitúe o primeiro paso para a posta en valor dun espazo público chamado a converterse nun referente cultural vencellado á memoria mariñeira e aos naufraxios da Costa da Morte.

O proxecto, redactado polo arquitecto Jorge Roura Traseira, contempla a reparación e consolidación estrutural do inmoble, así como a reforma integral da súa envolvente exterior, actuando fundamentalmente sobre cubertas, fachadas e carpinterías co obxectivo de frear o deterioro do edificio, mellorar a súa eficiencia enerxética e garantir condicións adecuadas de salubridade e conservación.

Proxecto para a reforma da lonxa vella de Camarinas para o Museo dos Naufraxios 2
Proxecto para a reforma da lonxa vella de Camarinas para o Museo dos Naufraxios 2

Entre as actuacións previstas inclúese a demolición da cuberta actual e a execución dunha nova cuberta con illamento térmico, combinando solucións de cuberta inclinada con acabado en zinc e cuberta plana non transitable con grava. Ademais, rehabilitaranse as fachadas mediante a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), que permitirá reducir de forma significativa as perdas enerxéticas, e renovarase a carpintería exterior con portas e ventás de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento.

O proxecto mantén o volume xeral do edificio e a súa integración no entorno portuario, apostando por unha imaxe renovada pero respectuosa coa edificación orixinal e co seu carácter industrial e mariñeiro. Así mesmo, esta primeira fase non condiciona as futuras actuacións de musealización interior, que se desenvolverán nunha etapa posterior, unha vez consolidada a estrutura e protexida a envolvente do inmoble.

Comentarios