A transformación da Lonxa Vella de Camariñas no Museo dos Naufraxios colle músculo financieiro

Continúa avanzando o o proxecto de creación do Museo dos Naufraxios na Lonxa Vella de Camariñas. Desta volta o Concello conseguiu o compromiso da Deputación para financiar a transformación dun edificio baleiro e en estado ruinoso, pero nunha localización estratéxica, nun espazo expositivo de referencia para a comarca da Costa da Morte, que tamén albergaría conferencias ou cursos formativos.
”A comarca da Costa da Morte en particular e a provincia en xeral necesitan deste tipo de espazos para poñer en valor o enorme patrimonio que agocha a nosa costa”, lembrou Formoso.
Sandra Insua agradeceu o apoio da Deputación “xa que, despois de que conseguiramos a cesión do edificio da Lonxa Vella, a financiación é imprescindible para poder acometer este proxecto para darlle utilidade e poñer en valor parte da historia de Camariñas, que estea en bo estado e que volva ser útil”.
Outros asuntos
Na reunión tamén se avanzaron outros asuntos de interese para o municipio como a construción das beirarrúas de Camelle de Arriba, que se incluirán no Plan de Vías e Obras que se aprobará no pleno da Deputación deste mes de maio, e a subvención para a Mostra do Encaixe que se concretará como é habitual no mes de outubro.