Luns. 29.04.2024
El tiempo

Camariñas volve poñerse de moda por Semana Santa

Mostra Encaixe Camarinas 2023-GrandesDeseñadores4 copia
Un dos primeiros desfiles da Mostra
Camariñas volve poñerse de moda por Semana Santa

Arrinca a XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que convertirá a Camariñas na capital da moda en todo o estado ata o domingo 9 de abril. Co lema ‘Camariñas está de moda’ quere reivindicar a relevancia da súa pasarela de moda e a aplicación do encaixe como complemento e na roupa.

Esta edición redobla a aposta por destacar a tradición milenaria do encaixe de Camariñas como un elemento de moda que está á vangarda e que está a ser empregado por moitos dos deseñadores máis recoñecidos a nivel nacional. Para isto, a Mostra do Encaixe de Camariñas quere valerse dun marco incomparable como son as paisaxes fermosas e impoñentes das coas que conta o municipio.

Mostra Encaixe Camarinas 2023-Inauguración
A concelleira de Encaixe e a alcaldesa cortando a cinta

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.

Mostra Encaixe Camarinas 2023-Formoso
Valentín González Formoso

Sandra Insua cualificou á Mostra como “o encontro de encaixe máis grande do mundo, cunha bagaxe de 32 anos de historia” e lembrou que “neste evento, na nosa casa, ademais de palilleiras e artesanía, celebrase unha das pasarelas de moda mais importantes de España, onde se presentan coleccións dos mais importantes deseñadores nacionais e das futuras estrelas do deseño”.
No seu discurso, a rexedora tamén quixo destacar que “A Mostra viviu unha edición tralo Prestige, nunha vila asolagada polo chapapote e pola pena. A Mostra viviu unha pandemia, e tivemos que reinventarnos para non morrer. A Mostra, cada edición, leva algo de nos mesmos. O esforzo de quen a quere ver grande e medrando, a loita das mulleres que dan horas, días e meses para que o mais fermoso de canto pode saír das súas mans sexa portada de un evento internacional que nos representa a todos e todas”.

Nese sentido, expresou que agora “a Mostra do Encaixe entra na trintena coma facemos moitos, coas dubidas dunha madurez que mereceu unha grande loita e dispostos a ser parte de ese futuro que abre diante nosa. “O privilexio que a moitas nos queda é o de formar parte de todo isto e poder seguir dando parte de nos a Camariñas, aos seus veciños e veciñas e a esta industria que deriva tanto en ser frescura coma sensatez, a propia das mais maiores, que xa non palillan dentro dos límites dun pano, senón que o fan mais aló da propia almofada”, afirmou.

Mostra Encaixe Camarinas 2023-gonzalo camariñas-16 copia
María Rivas e Gonzalo Trenor

Pola súa parte, Valentín González Formoso, destacou que “a Mostra do Encaixe é xa un evento de referencia durante estas datas, situando a Camariñas como o epicentro da moda en todo o territorio español, e incluso internacional”. “Ademais, durante os últimos anos, converteuse nunha gran canteira de talento emerxente, celebrando xa 29 edicións do concurso de xóvenes talentos, servindo como impulso para tantos mozos e mozas que poñen no sector da moda a súa paixón e buscan desenvolver o seu talento arredor da costura”, afirmou.

María Rivas salientou que as palilleiras converteron “un oficio tradicional en universal” e sinalou que “falar da Mostra do Encaixe, falar de Camariñas, é falar de tradición, pero tamén é falar de moda e do que significa e representa a arte”. “As palilleiras sodes o mellor exemplo do que é unha artista, estou segura de que ninguén ama máis, ninguén acariña máis a súa obra que cada unha de vós”, afirmou.

Por último, Gonzalo Trenor, destacou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas procedentes de todos os continentes”. Ademais, recalcou que “case o 60% das palilleiras galegas residen neste concello e nos mesmo podemos atopar á venda estes finísimos traballos en multitude de tendas especializadas”.

Os primeiros fesfiles

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciarán o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudirán á pasarela inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Antes do desfile de Grandes Deseñadores que pechará esa primeira xornada DJ SON1C estreará a versión dance da canción de ‘Camariñas’, acompañado da cantante Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.

Mostra Encaixe Camarinas 2023-Pequencaixe2 copia

PROGRAMA XXXII MOSTRA DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS

Comentarios