O Concello de Camariñas reforza a prevención de incendios coa contratación de cinco traballadores
O Concello de Camariñas, gracias a unha subvención da Xunta de 98.114,91 euros, procederá á contratación directa de 5 persoas desempregadas, que se dedicarán a labores vencelladas exclusivamente coa prevención e defensa contra os incendios forestais.
Todos os contratos formalizados ao abeiro desta axuda terán unha duración ininterrompida de 9 meses, permitindo crear un equipo de traballo completo e multidisciplinar: un/unha xefe/a de quenda ou coordinador/a de incendios; tres peóns forestais, encargados das tarefas físicas de roza e silvicultura; e unha persoa de apoio administrativo para o soporte organizativo do proxecto.
A xestión correcta da biomasa e a limpeza das faixas secundarias —aquelas zonas de monte e vexetación que se atopan máis próximas ás vivendas e aos núcleos de poboación— é unha prioridade absoluta para o equipo de goberno.
Isto súmase á recente aprobación por parte da Xunta de Galicia do listado enviado polo Concello con preto de 10 quilómetros (9.923 metros) de vías de titularidade municipal que precisan actuacións de limpeza nas faixas secundarias e que se executarán a través do convenio coa empresa pública SEAGA.
Ademáis, a comisión de seguimento do ‘Convenio de colaboración en accións de defensa e prevención de incendios forestais’ da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, ven de aprobar ao Concello de Camariñas o plan de actuacións preventivas no que se tratará de desbrozar 26 hectáreas co tractor municipal e 11 hectáreas coas brigadas de incendios.
E desde o mes de decembro a administración local conta con persoal administrativo subvencionado polo Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, para a comunicación da limpeza de faixas secundarias. Desde a súa incorporación, estes técnicos están enviando comunicacións aos propietarios afectados e proximamente se publicará no DOGA a obriga de limpeza de fincas preto das casas que no Catastro aparecen como propietario descoñecido. Estímase que serán case 12 hectáreas.
