luns. 02.12.2024
El tiempo

As escolas de toda Galicia póñense a palillar

‘A Caramiña vai palillar aos coles’ (2)
Bea Dios levando o encaixe polas escolas de Galicia
As escolas de toda Galicia póñense a palillar

Levar o encaixe aos centros de ensino de toda Galicia é a nova iniciativa da Mostra de Encaixe de Camariñas. O proxecto ‘A Caramiña vai palillar aos coles’ comezaba esta semana no CEIP San Pedro de Visma e no Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, ambos na Coruña. A mascota da Mostra, esa boneca baseada nun debuxo dunha nena palilleira, é a protagonista de cada visita.

Bea Dios, a profesora da Escola Municipal de Palillo, foi a encargada de amosar os trucos principais para aprender a palillar. Acompañada polo concelleiro Fabián Canosa; as representantes da Mostra, Dolores Lema e Noemí Toba; e a bibliotecaria municipal, Ana María, comprobaron o entusiasmo co que a rapazada acolle esta iniciativa.

Ana Maria contando a historia da Caramina
Ana Maria contando a historia da Ratiña presumida coa Caramiña

A acción comeza cun conto popular escenificado con sombras chinesas por Ana Martínez: ‘A ratiña presumida’, poñendo en contexto a artesanía centenaria. Logo, Beatriz Dios explicoulles as partes da almofada, os puntos característicos do Encaixe, a forma de ensinalo antes e agora e as diferencias entre o noso e os europeos.

Ademais, tamén se lles resumiu aos escolares os recursos turísticos máis importantes de Camariñas, incidindo especialmente no que poderán atopar se se achegan en Semana Santa á Mostra: desde a aplicación do encaixe na roupa e complementos ata participar no desfile do PequEncaixe.

Os nenos e nenos das escolas municipais de palillo tamén quixeron participar activamente neste proxecto, e enviaron un vídeo no que lles explicaron aos escolares en primeira persoa por que lles gusta ir ás clases de palillo e participar na Mostra todos os anos, creando pezas que lles regalan aos seus familiares e desfilando no PequEncaixe.

Ata os colexios tamén se achegou Noemí Toba, voluntaria asidua da Mostra, que proxectou un vídeo de creación propia titulado ‘A Lenda da Serea’, onde se narra como chegou o encaixe a Camariñas.

Noemi Toba colaboradora da Mostra do Encaixe levou a Lenda da Serea as escolas
Noemí Toba

Comentarios