Festas para non dar feito en O Ézaro, Vimianzo, Camelle, Buño e San Mamede


Vai ser moi difícil decidir onde ir esta fin de semana porque se acabamos de ver como o montan por O Ézaro, en Vimianzo non queren ser menos e contan con orquestras de primeiro nivel.
Comezan mañá xoves, 4 de agosto, coas prefestas. Desenvolveranse na praza Castelao dende as 21:00h, e haberá moita variedade. Dende música tradicional ata monólogos, rock ou incluso rumba. Actuarán o Grupo de Gaitas Trubisquiña, os Mariachi Coruña Mix, os Killer Cats, Rumba Oeste, Os Fugaos, e ademáis da música, Manuel Lago deleitaranos cos seus monólogos.
O venres 5 de agosto actuará o grupo Alkar e despois haberá música da man da Disco Factory. O sábado 6 de agosto comezarán o día ás 12:00h, con misa solemne. Tocará a Banda de Música de Negreira e de seguido haberá pasarrúas con Revoltixo de Carantoña. Máis música achegarán dende o Grupo de Gaitas Trubisquiña, e xa ás 18:30h haberá títeres da man de Duendesico Títeres, coa representación de As Andanzas de Elías.
Xa para o domingo 7 de agosto haberá misa ás 12:00h, pasarrúas con Revoltixo de Carantoña e o Grupo de Gaitas Trubisquiña. Da sesión vermú e a verbena encargarase o grupo Master e a orquestra Sintonía de Vigo. Por último, o luns desenvolverase unha festa infantil na praza do Concello, con inchables e xogos populares. A guinda virá da man do mago Cayetano Lledó.
En Camelle
Non todo vai ser O Ézaro ou Vimianzo no eido das verbenas esta fin de semana, xa que Camelle celebrará as súas Festas do Carme. Haberá de todo tamén, dende churrasco ata música da terra ou verbenas.
Comezan este venres, 5 de agosto cunha gran churrascada dende as 21:00h. Logo celebrarase o Festival Folclórico, coa actuación de membros da Asociación Cultural Terra de Senna de Cee, e a Escola de Baile Municipal de Camariñas. A verbena a traerá nada máis e nada menos que a orquestra Panorama.
O sábado 6 de agosto celebrarase unha misa e baixarán á Virxe do Carme ata o peirao, acompañada pola Danza de Arcos. Tocarán os gaiteiros de Jolpe de Mar. Despois haberá unha procesión marítima. De volta a terra, sesión vermú coa orquestra Manila e xa pola noite verbena con Manila e dous grupos de Laxe: O Tren da Unha e Os Centroles.
Por último, o domingo 7 de agosto iniciarán o día con alboradas co Grupo de Gaitas Jolpe de Mar. Misa ás 13:00h na honra á Virxe dos Remedios e procesión acompañada pola Danza de Arcos. Sesión vermú con Midas e verbena co grupo Midas e outra orquestra por determinar.
En Buño
Na vila malpicá de Buño tamén queren seducir á xente cu cartel moi digno e con atraccións de primeira. O venres 5 de agosto haberá unha queimada popular dende as 21:30h. Logo actuará a orquestra Metrópolis. Xa a medianoite actuarán as Cantareiras de Ardebullo.
O sábado 6 de agosto comezarán con pasarrúas con gaiteiros. Ás 13:00h haberá misa solemne na honra a Santa Filomena. Sesión vermú co grupo Alkar e verbena con Alkar e Pili Pampín. Xa o domingo, e logo do pasarrúas e a misa, haberá bailes matinais e nocturnos co grupo Océano.
En San Mamede
Rematan unhas e comezan outras. Así, quen quiera prolongar a xira festeira máis alá da fin de semana ten unha boa ocasión en San Mamede, Carnota.
O domingo 7 de agosto iniciarán o día con pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas Longarela de Louro. Haberá tres quendas de misa para honrar a San Mamede, ás 09:00h, ás 11:30h e ás 13:00h. Sesión vermú co grupo Sol y Mar e verbena co grupo Alcotán e a orquestra Marimba.
O luns 8 de agosto tamén contarán cos pasarrúas de Longarela e ás misas en tres quendas, nesta ocasión na honra ao Santísimo Sacramento. Sesión vermú con Sol y Mar e verbena co grupo Alkar e a orquestra Marbella. Para rematar, o martes 9 de agosto, e logo do pasarrúas de Longarela e as misas na honra a San Antonio, Sol y Mar porá a sesión vermú e as orquestras Nova Palma e Panorama a música na verbena de fin de festa.
Enquisa no facebook
Onte preguntabamos no facebook cal era a festa que máis vos seducía de cara á fin de semana. Entre O Ézaro e Vimianzo, ao peche desta edición, semellaba que a vila dumbriesa gañaba por goleada á soneirana. De todos os xeitos, tamén se fixo un importante oco na loita, aínda que non dentro do mundo das verbenas, a Festa da Carballeira de Zas.
Novas relacionadas
- O fútbol e o volei invaden o areal do Ézaro na Festa da Praia.
- Corcubión agarda polo Porco Celta.
- Tradición, xantares e ríos de viño en San Fins.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Carteis achegados por Ana Isabel García Silva e Verónica Gerpe de la Fuente.