Máis de 30 mulleres xa conseguiron emprego co programa PIE
Despois de varios meses en marcha, os alcaldes e técnicos dos Concelos de Camariñas, Muxía e Vimianzo facían onte unha valoración do "Programa Integrado de Emprego dirixido exclusivamente a mulleres de Camariñas, Muxía e Vimianzo 2017".
E o obxectivo fundamental é o de conseguir novos postos de traballos para mulleres que chegaban ao programa con baixa empregabilidade. E parece que o apartado de insercións laborais vai cun bo grao de execución, pois a día de hoxe unhas 31 participantes xa foron contratadas e prevense a curto prazo 8 novas insercións. Os sectores de hostalería e atenció sociosanitaria son os máis impotantes.
Non obstante, os obxectivos do proxecto son que, durante o prazo de 12 meses contados dende o inicio do programa, 30 usuarias sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien unha actividade por conta propia ou formando parte como socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, durante o programa ou nos tres meses seguintes á súa finalización.
Xa son moitas as empresas que están recorrendo á bolsa de emprego do PIE, pois os técnicos están a notar a dificultade das empresas para atopar persoal, a pesares de que baixan os requisitos e xa non esixen nin formación nin experiencia.
Formación e prácticas
Son numerosas as accións que están realizando as 85 mulleres participantes, dende o Curso de manipulación de alimentos, de prevención de riscos laborais, de informática administrativa, de motivación ao emprendemento, hostalería integral ou de informátic básica (en execución), ata un dos máis importantes, o de Competecias Clave nivel 2, que xa aprobaron 17 usuarias.
Ademais, durante a formación tamén tiveron nocións de uso do móbil, de cociña, de atención sanitaria, de realizar trámites online ou de despece e limpeza de alimentos (carnes e peixes).
Esta labor compleméntase con prácticas en empresas que necesitan cubrir postos de traballo. Esta acción facilita que as participantes coñezan as características da ocupación e que as empresas poidan formar e avaliar á potencial traballadora.
Conciliación e motivación
A conciliación familiar e a falta de motivación para o emprendemento son as principais barreiras para a inserción laboral. Desde o programa estase traballando con diferentes ferramentas para eliminalas ou amortigualas. para iso, búscanse solucións cos Servizos Sociais municipais e están programadas varias accións para os próximos meses.
Novas relacionadas
- Xuño 18: O PIE forma e consegue traballo para mulleres nos sectores da Hostalería e Atención Sociosanitaria.
- Maio 18: 35 mulleres do programa de emprego de Vimianzo, Muxía e Camariñas preparánse para as competencias clave.
- Feb. 18: O programa de emprego para 85 mulleres de Camariñas, Muxía e Vimianzo segue en marcha
- Xan. 18: Buscando un futuro laboral para 85 mulleres en Camariñas, Muxía e Vimianzo..
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).