Sábado. 20.04.2024
El tiempo

En marcha o “Proxecto Man”, un novo documental sobre o Alemán de Camelle

  • A produtora está en proceso de recompilación de información e solicita colaboración a toda aquela persoa que queira compartir algo sobre Manfred
Proxecto Man a Costa da Morte na Mirada
En marcha o “Proxecto Man”, un novo documental sobre o Alemán de Camelle

A trascendencia de Man de Camelle segue, e seguirá, demostrando a súa impronta na nosa sociedade. Unha auténtico icona da Costa da Morte a nivel internacional que continúa xerando cultura e iniciativas.

Como o ”Proxecto Man: A Costa da Morte na mirada”, “un proxecto de investigación colaborativo, aberto á participación de todos aqueles que o coñeceron, que busca coñecer a vida e obra de Manfred Gnädinger e a súa relación coa Costa da Morte”. Un proxecto que terá como recompensa a creación dun documental audiovisual.

A produtora galega Vizuals Lab, coa colaboración do Museo Man de Camelle, é a promotora deste proxecto que trata de “unir moitas voces para darlla a quen dixo unha vez: ‘a miña verdadeira vida saberase cando morra’”, como nos explica Berta Pan.

Xa levan xa varios anos traballando na idea, realizando diferentes entrevistas tanto a familiares como a coñecidos de Man, así como recopilando material de arquivo inédito. “O ano pasado conseguimos contactar con Joan Mallarach, realizador catalán que posuía gravacións de Man nos anos 80”, explica Pan. Ademais, valora “a gran labor do Museo Man de Camelle, que reuniu e conservou a maior parte da obra artística que existe hoxe en día de Manfred”.

Así, durante este primeiro semestre do ano 2021 están volcados na recollida de materiais e información para así, durante o segundo semestre, comezar coa produción propiamente dita do documental.

Proxecto colaborativo

Por iso están “na procura de persoas que poidan colaborar neste proxecto. Aínda que xa contamos con algúns testemuños e temos os contactos de varias persoas interesadas en participar, gustaríanos contar co maior número de xente posible que coñecese a Manfred, que poida ter obra artística ou imaxes del no seu día a día en Camelle, ou que coñeza de primeira man como era a súa vida na Costa da Morte”.

Quen queira pode poñerse en contacto coa produtora en [email protected] ou en [email protected], así como nos 981 978 876 e 981 710 224, e igualmente pode estar atento á Páxina de Facebook “Proxecto Man”, onde realizarán diferentes convocatorias para escoitar á veciñanza.

O proxecto conta coa colaboración da Deputación da Coruña, xa que obtivo a subvención para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña durante o ano 2020.

Man de Camelle tera o seu documental

 

Novas sobre Man de Camelle

Comentarios