Martes. 19.03.2024
El tiempo

O novo albergue de Camelle nace con premio

O Refuxio do Naufrago Camelle
O novo albergue de Camelle nace con premio

Abríron este mércores 7 de xuño e xa o facían cun premio, e coas primeiras aloxadas, unhas rapazas de Wisconsin (EEUU) que estaban facendo o Camiño dos Faros.

O novo albergue O Refuxio do Náufrago, en Camelle, nace da man e do cariño das bravas R. R., que recuperaron unha casa tradicional mariñeira na vila para convertela neste singular espazo turístico.

Un espazo que xa nace con premio: O FAN-BEST, un premio creado para fomentar a transferencia de tecnoloxía ás pemes no ámbito da biotecnoloxía azul e a explotación dos recursos mariños mediante a creación dunha rede de entidades públicas e privadas centradas na captación de fondos que posibiliten a fase de inicio e ampliación.

O Refuxio do Naufrago Camelleexterior 3-3

Este premio supoñe para Digna Romar, promotora da iniciativa, “o recoñecemento a un proxecto familiar e único. Coas nosas catro habitacións rendémoslle homenaxe aos buques que remataron de forma tráxica na nosa costa. Só hai unha excepción, e esa é a Man de Camelle; co nome do noso veciño máis célebre, e coa que queremos manter en vigor a vida e obra do artista alemán, que tamén está moi presente na nosa terraza”, explica.

Ademais nos próximos meses sacarán a venda diferentes productos artesanais e de km0 tanto na web como fisicamente. E xa estudaron para a vindeira campaña a elaboración e creación de diferentes rutas sostibles pola costa, así como obradoiros gastronómicos.

“Nun momento no que a meirande parte da sociedade busca alonxarse das aglomeracións e sentirse libre, queremos que o Refuxio do Náufrago sexa a súa taboa de salvación., sinala Digna.

Digna Romar recollendo o premio fanbest
Digna Romar recollendo o premio fanbest

Unha muller que leva dende 1985 vinculada co mar, da man dunha embarcación de artes menores que traballa co seu home. En todos eses anos, conta, “desmallei peixe, vendino, busquei carnadas e preparei as nasas para poder ir cada día o mar”, ademais do traballo administrativo… Foi tamén operaria de fábrica, mariñeira, percebeira, patroa e mesmo vicepatroa da confraría de Camelle dende 2011 a 2018. No seu caso si que non hai dúbidas de que as axudas do GALP son ben merecidas.

O seu legado non pode esquecer o seu determinante papel no tecido asociativo local, e de feito continúa sendo a Presidenta da Asociación de Veciños dende 2012.

Nova singradura esta para a brava camellá.

Comentarios