venres. 08.11.2024
El tiempo

O Concello de Camariñas esixe a cesión da Lonxa Vella por parte da Xunta para albergar o Museo do Mar

Encarna-Lineiro-Pouso-Deputada de Camarinas
Encarna Liñeiro é a nova deputada socialista da Costa da Morte
O Concello de Camariñas esixe a cesión da Lonxa Vella por parte da Xunta para albergar o Museo do Mar

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou o pasado venres unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta a cesión da titularidade do edificio da Lonxa Vella de Camariñas para que o Concello para que este poida “darlle vida e recuperar o inmoble”. Foi esta unha das primeiras intervencións da nova parlamentaria socialista da comarca, Encarna Liñeiro.

A secretaria xeral da Agrupación Socialista de Camariñas (foi tamén concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo) explicou que a Lonxa Vella é “máis que un edificio, é unha institución” en Camariñas, e subliñou o apoio do Concello a asumir o uso do inmoble e “facer un esforzo importante para adecentar, darlle utilidade e poñer en valor parte da historia de Camariñas, que estea en bo estado e que volva ser útil”.

A parlamentaria lembrou que o edificio atópase baleiro de tapiado, que “xa non ten uso portuario e está integrado na zona máis transitada da vila”, nun estado “ruinoso” ata o punto de que conta cun “campo de herba no tellado”. Actualmente é o Concello quen se ten que facer cargo do escaso mantemento dun edificio titularidade de Portos de Galicia, que “reflicte a actitude de abandono total da Xunta coa Costa da Morte”.

Museo do Mar

Liñeiro reclamoulle ao goberno galego que atenda á solicitude do Concello para facer un Museo do Mar con capacidade para aulas nas que se desenvolvan cursos de formación “nun dos portos pesqueiros de titularidade autonómica con máis flota de toda Galicia”. Así o establece a Memoria que está a realizar o Concello logo de que o anterior proxecto que lle presentaran a Portos de Galicia para facer un Auditorio – Museo do Mar “non convenceu á presidenta do ente”.

Os socialistas galegos reclamaron así “a cesión inmediata do edificio ao Concello”, e que “a lo menos limpen e adecenten o edificio da Lonxa Vella para que non sexa un perigo nin un elemento de feísmo no medio dunha fermosa vila pesqueira e turística”.

Comentarios