O pleno de Camariñas aprobou os Orzamentos para 2025 cos votos en contra da oposición

Sacou adiante a proposta de Orzamentos de 2025 o grupo de goberno do Concello de Camariñas no pleno deste luns, gracias á maioría coa que conta o PSOE, e cos votos en contra de PP e BNG.
Un orzamento de 6 millóns de euros, que destina 2,2 millóns a servizos básicos, case 1 millón para gasto social e case outro para investimentos.
A postura do PP: "falta de ilusión"
“O Partido Popular vai votar en contra. Imos votar en contra pola falta de ilusión destas contas, de propostas, sinalou a voceira do PP. Paula Mouzo Mas considera que as cifras aportadas son “fume”. “Para nós son uns presupuestos decepcionantes e pouco ambiciosos. Lamento a ausencia dun proxecto que reactive a economía do concello”. Critica que tardasen “3 anos en sacar novos orzamentos” e lamentan que “haia menos inversións e obras que no ano 2022”.
Mouzo bota en falta as licitacións do SAF e de Aldea Madeira, ou a creación de solo industrial o a mellora da vía Camelle-Arou, e lamenta que “non se recollan as nosas demandas”.
A Postura do BNG
Pola súa banda, o BNG votou en contra os orzamentos municipais tras rexeitar o equipo de goberno as emendas nacionalistas. O voceiro municipal do BNG, Xurxo Rodríguez, sinala que “os orzamentos destinan recursos a proxectos innecesarios, pouco transparentes e que non axudan nin ás nosas nenas e nenos nin aos nosos maiores”.
O grupo pedira a retirada da partida da rehabilitación da lonxa para facer o museo dos naufraxios, esixindo a Portos de Galicia o mantemento e conservación do edificio; así como incluír a dotación de partidas para crear áreas de xogo xuvenís na Ponte de Porto, Camelle e Camariñas; outra partida para facer a cuberta do parque infantil do colexio de Camelle, para desfrute das crianzas; e aproveitar o superavit para partidas sociais.
Volveu criticar o gasto excesivo na Mostra do Encaixe, e fixo fincapé “na falta dunha verdadeira planificación estratéxica que poña no centro ás persoas, como fonte de recuperación da nosa economía e da poboación perdida”.