O goberno camariñán presenta a proposta de Orzamentos 2025

O próximo luns, 24 de febreiro, ás 16:30h, o pleno camariñán votará a proposta do grupo socialista de orzamentos para 2025. Un orzamento de 6 millóns de euros (aumentando en 227.244,48 euros con respecto ao último orzamento aprobado), que "dá prioridade aos servizos sociais e á mellora do municipio". As contas apostan tamén polo "impulso das actividades e festas culturais co obxectivo de dinamizar a economía", sinalan dende o goberno.
A área de servizos sociais ascende a 988.579,83 euros, incrementándose en 171.164,67 euros con respecto a 2024.
Cabe destacar tamén que as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 2.282.754,87 euros, o que supón un 37,58% do orzamento total.
Neste orzamento tamén se recollen os axustes en gastos de persoal, como consecuencia da modificación que se pretende realizar na relación de postos de traballo (RPT).
Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe co obxectivo de continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo. Ao mesmo tempo o goberno local considera que a súa realización supón un beneficio económico para os locais comercios do municipio.
Investimentos
No anexo de investimentos para o ano 2025 refléxanse actuacións moi demandas e necesarias para a veciñanza, facéndose un gran esforzo por mellorar as infraestruturas, destacando a aportación para a construción do Museo dos Naufraxios, o proxecto da segunda fase da senda peonil a Lingunde, o arranxo e melloras de rúas no lugar do Allo, mellora de parques infantís, pista polideportiva no Areal, peche das pistas polideportivas de Ponte do Porto, Santa Mariña, Xaviña e Camelle, entre outras. A totalidade dos investimentos ascende a 988.579,83 euros.