O PP pon en valor o traballo de Mar de Fábula: "Debemos transmitir este compromiso ás novas xeracións"

Merece uns grandes parabéns a campaña de concienciación que vén de lanzar a asociación Mar de Fábula e o Concello de Camariñas. De aí a visita da deputada do Grupo Popular, Paula Mouzo, ao espazo que a entidade coida en Camelle, para poñer en valor a importancia do coidado da natureza que ten esta entidade.
Neste sentido, Paula Mouzo asinou unha declaración institucional a través da que o PP de Camariñas asume a necesidade de traballar pola limpeza e protección da contorna do litoral e do espazo común no que se desenvolve a vida diaria, a fin de reforzar a autoestima colectiva e o respecto mutuo, e deixar un futuro sostible ás vindeiras xeracións.
Nesta primeira xornada, a deputada mantivo un encontro con membros de Mar de Fábula, aos que trasladou o seu apoio a este tipo de iniciativas consistentes en charlas informativas e reparto de trípticos para incentivar o coidado do medio mariño.
Neste sentido, Paula Mouzo valorou o traballo que desenvolve Mar de Fábula na loita contra a contaminación mariña, “partindo da base do compromiso que temos as persoas vinculadas co mar e tendo presente que esta responsabilidade debemos transmitila ás novas xeracións”.