Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Os problemas co servizo de pediatría tamén afectan a Cee e aos concellos da comarca de Soneira

Manifestacion contra os recortes en pediatria-Foto-Rafa Quintans 2
Imaxe dunha concentración en 2020 coa veciñanza de Zas en Cee contra os recortes en pediatria-Foto-Rafa Quintáns
Os problemas co servizo de pediatría tamén afectan a Cee e aos concellos da comarca de Soneira

Chega o verán e volven aparecer os problemas crónicos do precario servizo de pediatría na Costa da Morte, dando conta do estado calamitoso da sanidade pública na nosa comarca. Tras denunciar a grave situación no Centro de Saúde de Muxía e na Casa do Mar de Fisterra, o BNG incide que estes problemas para cubrir as baixas dos profesionais danse tamén na comarca de Soneira, así como no Concello de Cee.

O deputado do BNG Oscar Insua volve a insistir na problemática de falta de pediatras na Costa da Morte e vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento Galego para que o Sergas cubra prazas nos concellos de Camariñas e Zas e a substitución da baixa de Vimianzo, todos eles da comarca de Soneira, e subliña que sexa con médicos especialistas e “de forma urxente antes do inicio do verán”, posto que a poboación dos citados municipios aumenta na época estival, “polo que o servizo de pediatría sufrirá saturación se as autoridades sanitarias da Xunta non adoptan medias urxentes”.

Insua denunciou que “a situación na Costa da Morte é crítica e estáselle escapando das mans ao goberno, que lonxe de resolver o problema, mostra unha incompetencia total na xestión". Desde o BNG lembran que en Camariñas levan anos sen que se cubra o servizo de pediatría, cunha praza de especialista, que segue vacante. Este servizo, que se prestaba tres días á semana no centro de saúde de Camariñas e dous días no centro da Ponte do Porto, era exercido por un médico de familia que posúe un curso de puericultura.

No concello de Zas, a pediatra que se xubilará cando remate o período de vacacións que está a desfrutar, prestaba servizos no centro de saúde de Baio e de Zas, en días alternos. Inicialmente o SERGAS dou indicacións para que a veciñanza de Zas acudira ao centro de Camariñas pola mañá e ao de Vimianzo no caso de urxencias pola tarde. “Mais a día de hoxe, dado que o puericultor de Camariñas foi trasladado para Vimianzo, este último centro centraliza o servizo de pediatría para toda a comarca de Soneira, e é exercido por un médico de familia con cursos de puericultura”, remarcou Oscar Insua.

E no caso do centro de saúde de Vimianzo, o deputado nacionalista indicou que “ata comezos deste mes, exercía no servizo unha médica especialista en pediatría, que causou baixa de longa duración a principios de mes, e o Sergas optou por substituíla co puericultor que estaba en Camariñas, centralizando o servizo”. Esta situación provoca que os pais e nais teñan que desprazarse 18 quilómetros de ida e de volta, para levar aos fillos e fillas ao médico, ao que igual que teñen que facer os nenos e nenas de Zas e Baio.

No Concello de Cee

Particularmente, dende fai xa semanas, a atención médica dos nenos e nenas do concello de Cee non está a ser prestada coa calidade que corresponde. O centro se saúde de Cee ten asignada unha praza de pediatra, aínda que o servizo, polo número de pacientes, debería estar cuberta por dous profesionais, a mencionada de pediatría e unha mais de puericultura (unha situación esta irregular a de repoñer pediatras con puericultores), dado que se debe dar atención aos rapaces e rapazas de Cee e Corcubión, ademais dos de Fisterra, pola ausencia de profesionais no seu.

"Coa época estival as portas, e tendo en conta que a poboación aumenta considerablemente coa visita de turistas e persoas da zona que volven a casa polo verán, a merma na calidade asistencial, por saturación, vai ser mais que evidente e pode volverse caótica en calquera momento. Revisións sen pasar en tempo e forma, vacinacións tardías e esperas de até 15 días, son algunhas das consecuencias da situación actual".

Por todo isto, o grupo municipal do BNG de Cee presentará unha moción ao pleno pedindo "instar a Consellería de sanidade a restablecer o servizo de pediatría, con profesional titulado, no centro de saúde de Cee, e co apoio do servizo de puericultura", así como en toda a comarca.

Máis novas

Comentarios