Recollen sinaturas en Camariñas para a ILP SOS Sanidade Pública noutro momento crítico
Despois da gran acollida da recollida de sinaturas en Cee, Fisterra e Muxía para a Iniciativa Popular promovida por SOS Sanidade Pública, a Plataforma Pediatras e Matronas Xa! traslada a súa mesa este sábado 8 de outubro a Camariñas.
E faino coincidindo cun novo “momento crítico”, como denuncia a presidenta da entidade Vanesa Viquendo. ”Estamos novamente en 3 concellos sen puericultor: Muxía, Dumbría e Fisterra; en Cee sen enfermeira, e todo esto cando en breve se vai iniciar a campaña de vacinación da gripe e do covid19 en crianzas e adultos”. “Os sanitarios están profundamente preocupados porque xa ven o que se lles ven encima e sin persoal non se pode dar demanda a todo”, alerta a fisterrá.
”Dende Pediatras e Matronas Xa animamos a xente a asinar este sábado en Camariñas a Iniciativa Lexislativa Popular para Fortalecer a Atención Primaria”, amnima.
Igualmente, invita a pasar por “Confecciones Noelia” de Fisterra para asinar a iniciativa, e esperan que máis establecimentos se animen a solicitar as follas de sinaturas para chegar a máis lugares.