Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha sentenza do TSXG obriga ao Concello de Camariñas a indemnizar e contratar á técnica do Museo de Man

Museo Man de Camelle
Unha sentenza do TSXG obriga ao Concello de Camariñas a indemnizar e contratar á técnica do Museo de Man

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a sentenza de "acoso laboral" a unha traballadora do Museo Man de Camelle contra o Concello de Camariñas. O Concello presentara un recurso ante a sentenza ditada en outubro do ano pasado, pero o Tribunal desestima considerando como agravante de “acoso moral” o envío da Policía Local para facerlle entrega dun documento.

Un novo episodio neste periplo laboral que ten orixe no despedimento o 30 de abril de 2019 dunha traballadora, que denunciou e a xustiza obrigou ao concello a readmitila. Foi aí, 7 de abril de 2021, cando o Concello enviaba á Polícía Local a facerlle entrega do novo contrato de traballo, que a muller que, despois de consultar coa súa avogada, rexeitou asinar.

Agora, segundo a sentenza, o Concello terá que dar unha indemnización de 6.118 euros á afectada (por danos e prexuízos), e facerlle un contrato repoñendo as condicións anteriores ao despedimento (como persoal laboral indefinido non fixo non descontinuo, con categoría de técnica de museo, por un salario de 1.672,3 euros mensuais, pagas extras prorrateadas).

Unha situación que, segundo fontes cercanas ao Museo, pode supoñer a súa “sentenza de morte”, pois o Concello non poderá sacar, como xa se debeu facer dende un principio, a concurso a praza, e terá que manter a unha traballadora e constante situación de tensión, con baixas frecuentes que deixa orfo o museo “cada dous por tres”.

Se ben dende o Concello aseguran que a intención “non foi nunca de acosar a ninguén”, veremos se será posible facer agora unha aposta real por este espazo museístico, unha referencia a nivel internacional que serve de polo de atracción para toda a comarca.

Comentarios