Todos os Programas de Nadal da Costa da Morte

Tempo de Nadal e as actividades que organizan os Concellos son as máis vividas pola veciñanza. As visitas de Papa Noel, dos Reis Magos ou do mesmo Apalpador, co que tivemos a sorte de ter unha entrevista, son as citas favoritas dos cativos.

Pero ademais desas Festas Infantís pantaguélicas, hai teatro, música e moito máis. Imos repasando, un a un, e tendo en conta o diverso apoio dos concellos, os programas municipais de Nadal:


Nadal en Cee

O Teatro familiar e a maxia serán os protagonistas do nadal ceense. Un Nadal Máxico, que durante 5 días encherá o salón de actos do concello de Cee de magníficos espectáculos nos que a ilusión será a gran protagonista. O programa deste ano é moi atractivo e formado por fuiguras de primeiro nivel con recoñecemento en Galicia e en España, como é o caso de Luis Boyano ou David Vega, este último protagonista o día 30 co seu espectáculo de pompas de xabón.

Ademais do Rastro Solidario do IES Agra Raíces, teremos por exemplo, este domingo 21, nas diferentes parroquias unha sesión de contacontos que terá como remate especial a Visita, ós máis pequenos, de Papá Nöel.
E para o luns 5 de xaneiro, a partir das 17.30 h. terá lugar a Visita das Súas Maxestades, os Reis Magos, este ano cunha comitiva de acompañamento con asociacións e grupos culturais do concello (Terra de Sena, Fumes do Cal, Pedras Miúdas e Petaforte).

Ademais, en Lires comezarán o Nadal cunha solidaria recollida de xoguetes e moitas actividades. Haberá protagonistas como María Canosa, que presentará o sábado 20 o seu último traballo en materia de literatura infantil. Ou Manolo Vilar, que nos falará dos Faros da Semescom.
Ademais, haberá cabida para o Ralli Fotográfico durante un domingo que rematará cunha sesión de contacontos e a visita de Papa Noel.
Para o sábado 27, será Palmira do Sardiñeiro, mimadriña.com, a que desenvolverá un obradoiro cos seus barquilios de papel. E será Xosé Iglesias o poeta mariñeiro o que peche a sesión. A clausura será ese domingo 28, coa charla de Víctor Castiñeira.


Nadal en Carballo

Co Apalpador como un dos grandes protagonistas, chega un completísimo Nadal a Carballo, que tugar en escenarios variados como con as sedes das entidades, as igrexas parroquiais, o Pazo da Cultura ou a Ludoteca, coa novidade este ano da incorporación da Biblioteca Rego da Balsa.
Dentro do programa, unha das citas máis esperadas é o Nadal Pequespectacular que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que inclúe catro propostas nas que atopar teatro, música, monicreques e maxia.
Haberá moitas máis cousas, como o Nadal Musical, a cabalgata, ou ducias de actividades na biblioteca.


Nadal en Dumbría

Os cativos serán os protagonistas do Nadal Dumbriés, e terán moitas máis actividades que disfrutar. Haberá obradoiros de manualidades nos que os rapaces poderán confeccionar os seus adornos navideños, obradoiros que percorrerán as casas de cultura das parroquias. Ademais, o luns, 29 de decembro, o Concello prepara unha gran festa infantil no Conco con xantar, xogos, música, obradoiros e ata unha escola de maxia.
Xa o venres 2 de xaneiro, un Paxe Real visitará as Casas Culturais.


Nadal en Vimianzo

Un programa pensando nos máis pequenos, pero con cousas para todos, e como non, coa visita do Apalpador. Un Apalpador ao que, por certo, coñeceremos de preto estes días. O programa de nadal inclúe a exposición de postais de nadal durante todo o Nadal na Sala de exposicións Antón Mouzo, unnha boa festa para o día 20, o concerto do día 21, varias tardes de Nadal, a visita do Apalpador a mañá do 24 de decembro. Unha das citas singulares será a Gran Gala Solidaria, que unirá a todo Vimianzo o 28 con Gayoso como director de orquestra, Ollo ca festa de fin de ano para os cativos, e a cabalgata de reis. E como non o VI Duatlón de Reis para o 11 de xaneiro, poñendo o toque deportivo a un programa completo.

Nadal en Muxía

Exposición colectiva de pintura, ducias de actividades para nenos, como a visita de Papa Noel, os contacontos teatrais, o festival de Abaladeiras ou cabalgata serán algunhas das citas singulares do nadal muxián.


Nadal de Santa Comba

Pintura, teatro, patinaxe sobre xeo, panxoliñas, xogos, Fútbol Solidario con QPC… pero sobre todo cómpre destacar a cita do venres 2, co Feliciano dos 7 Magníficos mais 1, emais a gran cita do Nadal xalleiro, a cabalgata de Reis, na que participan centos de veciños, e que percorrerá as rúas do pobo a partir das 18:00h rematando no Recinto feiral ca Gran Festa Infantil aí sobre as 19:30h.


Nadal en Ponteceso

Ademais do programa Concilia no Nadal, haberá campamento de Nadal e moitas máis cousas. Como o XVIII Certame de Corais, que se celebrará o sábado 20 de decembro ás 20:30 horas no Salón de Actos do Edificio das Escolas coa participación das corais do concello e cun grupo de cámara convidado. Teremos tamén Teatro local no Nadal para: o 27 de decembro ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Edificio das Escolas, cos nenos e nenas da Escola Municipal de Teatro.

Outra das sesións será o Concerto musical “Cantigas da Estrela: o 29 de decembro no Museo de Arte Contemporánea de Corme ás 18:00 h e dirixido a público infantil e familiar.
Ademais, proxectaranse dúas películas no Cinema de Nadal, o 26 de decembro no pavillón municipal de Corme e o 2 de xaneiro no Edificio das Escolas de Ponteceso, ámbalas dúas ás 18:00 h e dirixidas a tódolos públicos.

E como non, a gran cita, a Cabalgata dos Reis Magos: o domingo 4 os Reis Magos visitarán as parroquias do Concello en tren ao longo do día recollendo as cartas dos nenos. Despois, o luns 5, de 16:30 a 20:30 horas no pavillón de Ponteceso espéravos unha Festa Real con inchables e degustación de chocolate e roscón.

Nadal en Corcubión

A cita da fin de semana será a Gala Solidaria de Corcubión, organizada pola Universidade Popular, que se celebrará na tarde do sábado e que xuntará, con funs benéficos, a xentes tan bravas como César Cambeiro, Suso Bahamonde, Leo KcH, Alan Acoustic Project, As Millo Verde… E ollo, que andará o Apalpador por aló…

Pero o Concello tamén artella un programa de conciliación Tempo de Lecer, para os menores de entre 3 e 10 anos de Corcubión. Con este programa ofrécese un servizo onde os rapaces de 10:00 a 13:00 da maña, na Casa do Concello, poderán pasar unha horas realizando obradoiros de manualidades, xogos tradicionais, lectura…


Nadal en Carnota

O Concello de Carnota xa ten armado un bo programa. Despois do sempre exitoso Festival da ESMU chegan as Xornadas Lúdicas de Canle, durante esta fin de semana de 20 e 21, xogos de mesa e torneos para nenos/as e adultos/as, na Domus de Lira.
O 22 toca teatro infantil cos Quinquilláns a partir das 12:00h, e o 23, Concerto didáctico dos “Bocadillos” á mesma hora e tamén no salón de actos do Concello. A Festa infantil en Lariño será o sábado 27 na casa da cultura veciñal e organziada pola AAVV Insua. Tamén poderemos disfrutar ca Maxia de “Álvaro Muras” coa Ilusción dun Músico, o luns 29 no salón de actos do Concello ás 12:00h, un día antes que os Contacontos de Nadal, a cargo deTíteres Cachirulo “A historia do apalpador”.

E como non a chegada, o día 5, dos Reis Magos ao pavillón de Carnota, cunha festa con animación, dende as 16:30h ata as 18:30h.
Ademais, non dubiden en deixar aos cativos, de 16:30 a 18:30h, nos Venres Lúdicos da Biblioteca Municipal.


Nadal en Muros

Intenso tamén o programa muradán, xa en marcha. Este sábado 20 temos teatro-maxia co Mago Teto, e xa o luns comezamos coa entrega dos cheque solidarios, a III Carreira Solidaria da Piscina Municipal, e a continuación do Mercadiño Solidario. Xa para o sábado 27, nova cita de teatro infantil ás 18:00h no Centro Cultural e Xuvenil.

Unha das citas máis importantes será o Festival Benéfico de Faltriqueiras, a prol de Cáritas Muros, do sábado 3 de xaneiro, a partir das 18:00h na antiga fábrical de Sel. E o luns 5 de xaneiro, como non, Cabalgata de Reis.


Nadal en Zas e Baio

Xa levan varios días teatreiros por Zas, no marco do programa municipal de Nadal e do programa da Federación de Empresarios de Baio FABA. E continúan este domingo 21, ás 18:00h no Auditorio de Baio, con “O calzurras” co grupo Sentempo Teatro da Escola de Teatro Adulto. Para o luns, martes e mércores do pre-nadal, hai Obradoiros no Centro Sociocultural de Zas, para nenos/as de 5 a 12 anos, que se repetirán os días martes 30, venres 2 e sábado 3 tamén de 16:00h a 18:00h.

O domingo 4 de xaneiro será a gran visita dos Reis Magos polas Parroquias, saíndo ás 10:15 de Andregalia, pasando por Lamas, San Cremendo… ata chegar a Rus ás 14:00h. Para o luns, queda a Cabalgata de Reis a partir das 18:00h polas rúas de Zas, culminándose coa actuación ás 19:30h no Centro Sociocultural da Cía. Mundo Mandarina.

Por Baio, a xente de Adro terá a posibilidade de achegar a Papa Noel polas casas na tarde do 24. O sábado 27 artellan un gran Festival Solidario de Nadal da ESMU Pepe Valiña, ás 21:00h na Igrexa Nova de Baio, quedando para o domingo, ás 17:00h no auditorio do pavillón, o Festival musical de baile, gaita e pandeireta.

Atentos estaremos á sempre simpática VII Carreira Pedestre Baiesa, organizada por Sua Agra, onde os disfraces son máis importantes que o tempo.

Ademais, Badius Teatro, que acaba de cumplir 30 anos, estreará a obra Frankestein o domingo 4 ás 20:00h no Auditorio do pavillón baiés. E será, como non, a Cabalgata de Reis, a que peche o nadal.


Nadal en Coristanco

O programa de actividades comezará o 21 de decembro co Concerto de Nadal. A partir das 18.00 horas actuarán o Coro de Cámara Madrigalia e a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, que ofrecerán un repertorio para todos os públicos e sen esquecerse das panxoliñas. A partir do luns 22 intensificarase a oferta. O sorteo da Lotaría Nacional coincidirá coa celebración dunha xornada de deportes de raqueta. A partir das 10.00 horas, nen@s e moz@s poderán practicar tenis, bádminton e tenis de mesa. Ese mesmo día arrincarán as actividades na ludoteca municipal, que continuarán os días 23, 26, 29 e 39 de decembro e o 2 de xaneiro. Todas as mañás celebraranse obradoiros de globoflexia, maquillaxe, elaboración de tarxetas de Nadal, adornos en fieltro e pintura de figuras en porexpán. E o colofón, o 2 de xaneiro, será a xa tradicional chocolatada, a partir das 17.00 horas.

Dentro das propostas deportivas tamén se encadra a Ruta Cicloturística do martes 23, a partir das 10.00 horas. Tanto para esta actividade coma para a xornada de deportes de raqueta no pavillón deportivo e precisa a inscrición previa. Os interesad@s deben dirixirse ao edificio de servizos múltiples (981 733 280) antes do día 19. Pola súa banda, a Agrupación Deportiva Cultural Coristanco pon o seu grao de area co II Torneo de Nadal de Fútbol Sala na categoría alevín, que reunirá o día 27 a equipos de Ponteceso, Cabana, Sofán, Baio, Zas, Razo e Coristanco.

Para os días 29 e 30 están programadas as actividades de Música e Diversión. O luns ás 17.00 horas actuará o pallaso Popín Palomero na ludoteca, e o martes estará no edificio de servizos múltiples o grupo Mamá Cabra para ofrecer o concerto “Corocorico”.

En xaneiro as actividades xirarán arredor dos Reis Magos. O luns 5 celebrarase unha festa no edificio de servizos múltiples, a partir das 17 horas, con música e baile, talleres, animación e agasallos. Os participantes recibirán ás súas maxestades de Oriente, que sairán ás 17.30 horas de Carrefour e chegarán á vila ás 19.00 horas. O día 6 sairán para realizar o seu tradicional percorrido por todas as parroquias. Sairán ás 10.00 da igrexa de Oca e continuarán por Couso, Xaviña, Ferreira, Traba, Rececinde, Agualada, Seavia, San Paio, Erbecedo e Cuns, a onde teñen prevista a chegada ás 13.20 horas. Pola tarde empezarán en Valenza ás 15.00 horas e seguirán por Castro, Verdes e Cereo, onde rematarán a súa visita ás 15.30 horas.


Nadal en Malpica

Doce entidades colaboran co Concello na organización do programa cultural Malpica Nadal. A implicación das asociación Malante, Carcaxía, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, San Xulián, Río dos Píos, Pobo Alfareiro, A Feira, O Brizo, Río de San Antonio, Leiloio e Monte D’Arxa é clave.
A cita deste sábado, 20 de decembro, e aínda no marco da Mostra de Teatro, toca “Cabaré Manicómico”. Para o domingo 21, a partir das 16.30h, Pasarrúas de Panxoliñas pola parroquia de Leiloio.

Os luns 22 e martes 23 de decembro, de 11.30 a 13.00h, Obradoiro de xogos de animación no auditorio do Centro Cívico. O mércores 24, ás 16.30h Papá Noel entrega os regalos aos rapaces na Casa da Cultura de Seaia da man AC Carcaxía; e ás 18h, pasarrúas de Panxoliñas das cantareiras da AC Malante pola vila de Malpica.

O domingo, 28 de decembro, Tómbola infantil de Nadal no pavillón polideportivo de Malpica, e o luns e martes, máis obradoiros pola mañá e festa infantil con hinchables a partir das 16:30h no pavillón.

Ollo que o mércores, 31 de decembro, a partir das 23.45h poderemos acodir á Festa de Fin de Ano no auditorio do Centro Cívico, amenizada polo Dúo de Festa. Haberá uvas, cava e cotillón.

Xa o sábado 3 Festa infantil e chocolatada na Casa dos Veciños de Leiloio (A Raxeira). O domingo 4, divermaxia “Divermaxia” ás 16:30h na na Escola Unitaria de Pontella. E tamén o domingo ás 19.00h, presentación da publicación “O grilo Míllelo”, con textos de Xosé Manuel Varela e Icía Varela Gómez, ilustracións de Xosé Tomás e música de Suso Moreira. No salón de actos da Casa do Pescador.

Como non, os Reis Magos de Oriente chegarán a Buño o luns 5 ás 17:00h, pasarán por Cambre e chegarán ao porto de Malpica arredor das 20:00h.


Nadal en Mazaricos

Este domingo, 21 de decembro, empeza a programación especial que para estas datas festivas deseñou a Concellaría de Cultura e que rematará coa tradicional cabalgata de reis do 5.


Nadal en Laxe

Mentres, en Laxe, poderemos disfrutar do Belén vivinte o sábado 20 ás 19:00h na Igrexa. Ademais, o domingo 28, teatro cómico con Feliciano, e para o 4 de xaneiro, cabalgata polas parroquias e gran festa infantil.


Nadal deportivo en Camariñas

Do programa cultural municipal por Camariñas, quedámonos coa gran cita deportiva, a San Silvestre do BM. Camariñas, que se celebrará o domingo 28 de decembro.

Iso si, esperemos que continúe a Campaña Merca no teu Concello, nestes datas, máis importante que nunca.


Nadal en Fisterra

E pechamos co programa fisterrán, onde o sábado 20 chegan os de Teatro Caramuxo ás 19:0h da tarde no salón de actos do Concello de Fisterra. Xa o luns terá luhar ás 11:00h o XX Concurso de Postais de Nadal, e pola tarde, títeres a partir das 19:00h.
O venres 26 terá lugar o Festival de Nadal organizado pola Xunta de Confrarías da Semana Santa, ás 20:00h no Pavillón Municipal. E para o sábado 27, Os 7 magníficos máis un traen Un Nadal de Narices, tamén ás 19:00h no Concello. E para o luns, máis teatro infantil, pero as 19:00h en Sardiñeiro.

A tradicional cabalgata sairá ás 16:00h do día 5 de Sardiñeiro, pasará polas rúas de Fisterra ás 18:00h e ás 19:00h será a recepción dos Reis Magos no pavillón municipal acompañados de inchables, talleres, animación musical e caramelos para os máis pequenos.


O Apalpador

Programas de Nadal

Outras novas de Nadal

Fonte

  • Redacción de QPC (Info@quepasanacosta.gal).