Luns. 17.06.2019
El tiempo

A Deputación inviste 160.000 euros na mellora da seguridade nos pasos de peóns do casco urbano de Carballo

Actuarase en 43 pasos, nos que se mellorará o alumeado, e se instalarán sinais luminosoas con detectores de presenza.

A Deputación inviste 160.000 euros na mellora da seguridade nos pasos de peóns do casco urbano de Carballo

A Deputación da Coruña financia con 160.000 euros o proxecto de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns que se levará a cabo en todo o casco urbano de Carballo. Aporta así, a través dun convenio co Concello, o 80% do orzamento da actuación, que en total ascende a 201.404,94 euros. O convenio, que vén de ser aprobado na Comisión de Contratación, será ratificado definitivamente polo pleno este venres, 29 de marzo.

O Concello de Carballo constatou, a través do seu plan de ‘Estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade no Concello de Carballo’, que desde o ano 2012 ata o ano 2015 houbo un incremento de atropelos nas rúas carballesas, que descendeu no 2017.

Este proxecto de mellora da seguridade viaria afectará a 43 pasos de peóns do casco urbano, os que teñen unha maior intensidade de peóns e tráfico, nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Finisterre, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, do Sol, Berdillo, Poniente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.

Os traballos a realizar para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns distribúense na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e no calmado do tráfico a través de diferentes medidas para a redución da velocidade dos vehículos.

Alumeado e instalación de paneis luminosos con detector de presenza

Para  mellora da iluminación están contempladas dúas actuacións diferentes. Nos pasos de peóns con luminarias situadas a menos de sete metros deste, substituirase a luminaria por unha de maior potencia. Mentres que naqueles casos nos que a luminaria se atope máis alonxada de sete metros, instalarase un novo punto de luz formado por unha columna cilíndrica de 6 metros de altura na que se colocará un proxector concentrador de luz que ilumine o paso de peóns.

En canto á mellora da sinalización horizontal, pintaranse os pasos de peóns con pintura termoplástica en frío, máis resistente ao paso do tempo, en branco e vermello, co obxectivo de facelos máis visibles. Ademais, instalaranse captafaros reflectores a unha cara na fronte de cada banda branca.

Para mellorar a sinalización vertical existente instalaranse paneis luminosos que ademais incorporen un texto que advirta da presenza do peón ó condutor. Tamén se incorporará un detector de presenza a ambas marxes da beirarrúa para que eses sinais luminosos só se acendan cando exista a presenza dun peón. Ademais, colocarase un sinal de limite de velocidade a 20 km/h.

Por último, aplicaranse medidas de calmado de tráfico para reducir a velocidade dos vehículos. Así, instalarase un paso de peóns elevado na rúa Fomento (nº57) e ‘cojines berlineses’ de goma bicolor en cinco das localizacións con maior intensidade de tráfico.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca a importancia desta obra, que permitirá mellorar a seguridade peonil no municipio de Carballo e que continúa coa política de mellora da seguridade viaria para os peóns que está a levar a cabo a Deputación neste mandato a través de actuacións deste tipo ou da construción de sendas peonís nas estradas provinciais.

Comentarios