A Rúa Valle Inclán, un novo centro para Carballo


Este pasado sábado reabríase ao tráfico a rúa Valle Inclán da capital municipal despous de 45 días de obras. E para celebralo, os hostaleiros do lugar artellaron unha xornada festiva na noite do venres para darlle a benvida á nova vía semipeonil cunha festa na que non faltou a comida, a música e a cinta inaugural.
Logo dunha breve actuación da Banda de Gaitas Municipal, o primeiro en cortar a cinta foi o Alcalde, Evencio Ferrero, en nome da corporación. Seguíronlle Fátima Bello, de Arnica, en representación dos comerciantes; Horacio Vila do Mesón A Cabaña, en nome dos hostaleiros; o director do proxecto e técnico municipal José Facal; e finalmente o responsable de Construcciones Ramón Vázquez y Reyno, Diego Vázquez, como encargados da obra. A choiva acompañou un acto que de seguido se trasladou a dúas pequenas carpas situadas diante do Mesón A Cabaña e de Cafetería Habanos 79, onde volveron sonar as gaitas e onde comezou a repartirse o chocolate, o pan de ovo e os pasteis entre os numerosos asistentes ao acto, antes de que o grupo laxense "O tren da unha" continuara coa festa.

Humanizando o centro
Unha celebración que conmemora un paso máis dentro da humanización do casco urbano, que continuará no futuro para crear unha gran zona comercial no centro da vila. Unha liña que comparten iniciativas como "Derribando Muros" ou o Pedibús, que están a facer un Carballo moito máis vivible.
Novas relacionadas
- Carballo estrea dous meses de Venres Culturais.
- Os muros convírtense en Murais.
- As rúas de Carballo cambian coches por nenos.