Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A veciñanza pode aportar ideas aos Plans de Pedra do Sal e Arnados

A veciñanza pode aportar ideas aos Plans de Pedra do Sal e Arnados
Espazo de participación veciñal na web municipal de Carballo

O Concello de Carballo aposta pola participación veciñal no desenvolvemento dos instrumentos urbanísticos que definirán as dotacións en dúas zonas sensibles do noso litoral como son Pedra do Sal e Arnados.

Os mecanismos de participación veciñal que se puxeron en marcha coincidindo co arranque do plan especial de Arnados-Razo xa están operativos a través da web municipal na sección de “Participación veciñal. O espazo web de Arnados xa leva uns meses funcionando coma canle de comunicación directa entre a veciñanza e o equipo redactor. E agora súmase tamén o de Pedra do Sal co obxectivo, tal como se explica no propio blog, de acadar “unha construción colectiva e multidisciplinar entre os distintos axentes implicados no plan, baseada nun entendemento compartido da realidade, das necesidades e posibilidades do territorio, e, deste xeito, dar respostas adecuadas e sustentables, dentro da protección dos valores e das limitacións ambientais e sectoriais”.

Ademais, as xuntanzas e sesións informativas desenvolveránse ao longo de todo o proceso.

Compre lembrar que no caso do Pedra do Sal, xa no Plan de Ordenación do Litoral (POL) coma no Catálogo das Paisaxes de Galicia se incide na necesidade de mellorar unha serie de aspectos deste asentamento relacionados coa calidade ambiental, natural, paisaxística e urbana do mesmo a través dunha “área de recualificación” que aparece definida no PXOM como o “Plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e protección do seu entorno”.

O ámbito do plan, como pode verse na imaxe adxunta, abrangue o núcleo de Pedra do Sal e a urbanización O Pinar, en contacto directo coa lagoa e a praia, e afecta tanto ao solo de núcleo rural común como a áreas de solo rústico de protección de costa e espazos naturais.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios