A Xunta envía novas subsanacións para o PXOM de Carballo


Segue dando pasos o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo. Despois de acometer os primeiros retoques que impuña a Xunta en marzo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia enviou unha resolución o pasado 2 de xullo sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM), na que se recollen as modificacións e subsanacións necesarias para que a Xunta de Galicia lle dea o visto e prazo ao documento.
Explicaron a situación Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; o Concelleiro de Cultura e Deporte e até o de agora Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; e o arquitecto municipal Alfredo Garrote.
O texto especifica que "o Concello deberá redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas; e os elevará, logo dos trámites oportunos, ante esta Consellería para a súa aprobación definitiva”. Ferrero explica que se trata dun documento "exhaustivo" que require "prudencia" debido ao seu detalle e que serán os técnicos os que deberán analizalo en profundidade. Non obstante, a Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, explica que, entre todas as especificacións e modificacións esixidas "non hai grandes complexidades" e que, en todo caso, o detalle da Orde é positivo porque o obxectivo do Concello é "crear un documento con seguridade xurídica" e que "non suceda de novo o que ocorreu co plan de 2003".
En todo caso, o goberno non marca prazos concretos para a incorporación das esixencias da Consellería pero aclara que todo aquilo que non se reflicte na Orde, a amplísima maioría da documentación do PXOM, enténdese como "tacitamente aprobado". Agora o proceso require que todos os cambios que se realicen seguindo as indicacións da Xunta sexan levados de novo para a aprobación do pleno da corporación e posteriormente, remitiranse de novo á Xunta á espera do visto e prace definitivo.
O informe "valora moi positivamente" a redución do solo susceptible de transformación urbanística e a capacidade residencial, que queda establecida en 12.263 novas vivendas, polo que un dos puntos que máis debate ten suscitado no pasado semella que neste caso con xera ningunha modificación relevante.
En todo caso, de novo, infórmase "desfavorablemente" a ordenación proxectada nos ámbitos UU-R13 e UU-R14, na zona do San Martiño e nunha área na contorna da rúa Vila de Negreira da capital municipal, e que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa. Neste aspecto tamén se menciona o solo urbano non consolidado UU-R19, situado na contorna da Estación de Autobuses nova.
Outro dos puntos do documento refírese ao asentamento dos Canedos, en Bértoa, entre outros; e tamén á zona costeira de Razo e Arnados, nos que se esixen unha serie de modificacións respecto do PXOM enviado que tamén deberán ser tidas en conta.
Novas relacionadas
- 12-03-15: Carballo acometerá mínimos retoques ao PXOM.
- O Concello de Carballo ratifica que o PXOM conta con todos os informes de Augas de Galicia.
- 03-02-15: Carballo aprobou por unanimidade 30 quilos de de PXOM.