Aberto o prazo para anotarse no Horto Infantil Ecolóxico de Carballo
08:05 01/06/18
O prazo de inscricións tanto nos obradoiros de verán como no curso 2018/2019 estará aberto ata o 18 de xuño
Xa está en marcha unha nova edición do programa de obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico posto en marcha pola concellaría de Promoción Económica, que dirixe Xosé Regueira. Dende a primavera de 2014 os nenos e nenas da vila aproveitan as instalacións da rúa Nardos para educarse en valores do medio rural e natural, traballando coa terra, observando de primeira man técnicas como a compostaxe ou os cultivos ecolóxicos, pero tamén xogando e divertíndose en e coa natureza.
Agora, un ano máis, ábrese o prazo para que os máis cativos e cativas participen tanto nos Obradoiros de verán, coma nos previstos para o curso 2018-2019. Todas as actividades son gratuítas.
Obradoiros de verán
Esta actividade vai dirixida a nenas e nenos que durante o curso 2017-18 cursaron educación Primaria ou segundo ciclo de educación Infantil. Poden participar aqueles que estean escolarizados ou empadroados no concello de Carballo e tamén os nenos e nenas que queden durante as vacacións escolares ao coidado dun familiar directo en Carballo. Os obradoiros de verán desenvolveranse de 10:30 a 12:00 horas do 2 ao 31 xullo en tres quendas (luns e xoves; martes e venres e os mércores os de 4º de educación Infantil. As familias poden escoller a quenda que prefiran até cubrir o máximo de 25 prazas por obradoiro, salvo no caso do alumnado de 4º de Infantil, que irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas.
N0 curso 2018-2019 poderán participar nos obradoiros as nenas e nenos escolarizados ou empadroados en Carballo e que cursen Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Neste caso, os obradoiros desenvolveranse de luns a venres de 17:30 a 19: 00 horas do 17 de setembro ao 14 de xuño en tres quendas (Luns e xoves; martes e venres e mércores os de 4º de Educación Infantil). Os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil comezarán o obradoiro o mércores 20 de febreiro coa fin de non interferir no proceso de adaptación escolar.
Solicitudes
As solicitudes de inscrición para calquera dos obradoiros poden presentarse do 1 ao 18 de xuño a través do Rexistro Municipal presentando, debidamente cuberto, o formulario que pode descargarse en www.carballo.gal ou recollerse no Museo de Bergantiños de 11:00 a 14:00 horas; tamén pode solicitarse de 16:30 a 19:30 horas nas instalacións do Horto Infantil
na rúa Nardos.
As familias poden escoller a quenda que prefiran até cubrir o máximo de 25 prazas por obradoiro. O alumnado de 4º de Infantil irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas. As solicitudes atenderanse por orde de inscrición. No caso de cubrirse todas as prazas, elaborarase unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.
Debido á falta de luz no inverno, farase unha parada na actividade do 26 de outubro ao 18 de febreiro. Todos e todas as participantes deberán traer roupa e calzado axeitado, auga e protección solar, se procede, xa aplicada na casa.
Novas relacionadas
- Carballo exporta o seu modelo de Horto Infantil Ecolóxico
- Os usuarios de APEM sacan o sacho para manter vivo o Horto Infantil de Carballo
- Os peques carballeses andan e plantan.
- Paredes que modernizan.
- Un verán ecolóxico na pequehorta de Carballo.
- A pequehorta de Carballo ferve por primavera.
- Da importancia da Formación Rural na Costa da Morte.
- Colleita solidaria na peque-horta de Cee.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo