xoves. 16.04.2026
El tiempo

A Costa da Morte terá defintivamente unha nova Base de Vixilancia Aduaneira en Cee

embarcacación Rodman 101 semellante a nova base de Aduana de Cee
Imaxe da embarcacación Rodman 101, semellante a da nova base de Aduanas de Cee
A Costa da Morte terá defintivamente unha nova Base de Vixilancia Aduaneira en Cee

Despois de trinta anos de espera, a Costa da Morte por fin contará cunha base estable do Servizo de Vixianza Aduaneira no porto de Brens, en Cee. Así o confirmou onte o goberno estatal no marco do proceso de reorganización coordinado a nivel central e pola Delegación Especial de Galiza e pola Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais.

A Base ceense contará cunha patrulleira que garantirá un control de toda a zona costeira entre Fisterra e Laxe, que ata o momento era un punto cego na vixilancia marítima. A zona norte estará apoiada pola Base marítima da Coruña, e contará con embarcacións tanto en Muros como en Camariñas.

Prevese que, tras a reorganización, estean operativas no ámbito da Costa da Morte tres embarcacións: unha modelo Rodman 33 (semirríxida cabinada de 33 pés), unha modelo Rodman 101 (patrulleiro de altura de 101 pés) e unha embarcación semirríxida non cabinada. A primeira é a mesma que xa está operando en Muros; a patrulleira terá base en Brens, e a última irá para a ría de Camariñas.

A nova base de Brens, incluirá tamén un novo pantalán para embarcacións que darán servizo tanto en alta mar como nas rías.

O PSdeG atribúe o avance da base en Cee ao compromiso do Goberno central 

Destacan o traballo institucional e as xestións municipais como claves para a posta en marcha do proxecto 

  

O PSOE agradece o compromiso do goberno central

O coordinador comarcal do PSdeG-PSOE Costa Atlántica, Jorge Domínguez, valorou o anuncio do Goberno de España sobre a posta en marcha dunha base do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Cee, cualificándoo como “unha demostración clara de que existe un Executivo comprometido con Galicia e coa Costa da Morte, que cumpre con feitos fronte a anos de promesas baleiras”. 

Domínguez subliñou que este avance “non é froito da casualidade, senón do traballo político serio, constante e coordinado”, e contrapuxo esta realidade “a etapas anteriores nas que abundaban os anuncios pero faltaban resultados concretos para a comarca”. 

Neste sentido, destacou o papel do municipalismo socialista no impulso do proxecto: “Este avance é tamén consecuencia das xestións realizadas desde os gobernos municipais socialistas, que traballaron con constancia, rigor e lealdade institucional para defender os intereses da comarca”. 

O responsable comarcal resaltou o labor da alcaldesa de Cee, Margot Lamela, sinalando que “foi clave para que este proxecto saíse adiante e comece hoxe a dar resultados”, ao tempo que incidiu na importancia do traballo discreto desenvolvido ao longo dos últimos meses. “Hai un traballo silencioso detrás de todo isto, que non sempre sae na prensa, pero que resulta fundamental para conseguir avances reais”, explicou. 

Satisfacción no BNG

O deputado do BNG Oscar Insua, que presentou nesta lexislatura as primeiras iniciativas no parlamento galego, ademais de canalizar a demanda no Congreso en Madrid, manifestou que “estamos moi satisfeitos co conseguido. Non foi sen tempo, pero a espera pagou a pena. Por fin o goberno do estado cumpre cunha demanda histórica da nosa comarca. Agora imos seguir traballando para que entre a funcionar canto antes a unidade administrativa, e para que traian unha patrulleira en condicións, non un barco antigo dos que rexeitan noutras bases”.

Satisfacción no PP

En paralelo, o PP celebra a rectificación do Goberno de España e a continuidade da base de Vixilancia Aduaneira de Muros xunto á nova de Cee. 

A deputada do Grupo Popular, Paula Mouzo Mas, entendía que perigou por momentos a base de Muros. “Nunca tivo sentido mellorar un servizo a costa de recortar outro; Galicia precisa máis medios, non menos”, sinalan.

Máis novas sobre o asunto

Comentarios