martes. 26.08.2025
El tiempo

Unha alerta sanitaria por hepatite A deixa no limbo ás traballadoras do SAF de Carballo

Concentracion_SAF_Carballo.001
Imaxe dunha concentración das traballadoras do SAF de Carballo
Unha alerta sanitaria por hepatite A deixa no limbo ás traballadoras do SAF de Carballo

Xa non son poucos os problemas cos que se atopan nos últimos anos as traballadoras do SAF, e ás carballesas agora tócalles sufrir o desleixo das autoridades sanitarias.

Estes días, andan da mutua para a sanidade pública, e da sanidade pública á mutua. Así están unha ducia de traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar de Carballo tras sufrir un brote de hepatite A, e atopárense co "abandono institucional" por parte das administracións. 

As traballadoras foron identificadas pola Consellaría de Sanidade como contactos estreitos dun caso confirmado de hepatite A. As afectadas recibiron un escrito oficial do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas no que se lles indicaba que debían acudir ao servizo de prevención de riscos laborais da súa empresa. Porén, a concesionaria do SAF en Carballo, FEPAS, derivou a responsabilidade ao SERGAS, indicando que se trataba dun problema de saúde pública. 

Ante a falta de indicacións claras, parte das traballadoras desprazáronse á sede da mutua da empresa na Coruña, Mutua MAZ, onde lles foi negada a atención, e mesmo se lles rexeitou a entrega dun xustificante, obrigándoas a cubrir follas de reclamacións por consumo. Tiveron que trasladarse até A Coruña para ser atendidas porque a mutua non conta con instalacións en Carballo. Pero na Coruña tampouco dispón dun local específico con atención médica, senón que se trata dunha oficina compartida por varias mutuas no que non hai ningún servizo de tipo sanitario para as persoas traballadoras.

Ademais, as que acudiron aos seus centros de saúde foron derivadas a citas para dentro de 7 a 10 días, contradicindo a urxencia establecida na propia carta oficial.

Para a CIG esta situación supón unha “absoluta deixación de funcións” tanto por parte da empresa como da Xunta de Galiza, “e evidencia unha vez máis a precariedade estrutural e sanitaria que padecen as traballadoras do SAF, mesmo ante riscos biolóxicos graves coma este”.

Dende a CIG continúan á espera de manter unha reunión, tanto con responsábeis da Administración galega como da FGAMP a fin de establecer un protocolo de riscos tras o recente asasinato dunha traballadora do SAF do Porriño.

Finalmente, esixen a avaliación inmediata do persoal do SAF de Carballo, a súa cobertura preventiva mediante vacinación e recoñecementos médicos e o establecemento dun plan de actuación coordinado ante alertas sanitarias no servizo para garantir a protección real das persoas traballadoras que atenden a poboación máis vulnerábel, así como a depuración de responsabilidades pola actuación “neglixente” no SAF de Carballo tanto da Administración como da empresa concesionaria.

Comentarios