sábado. 20.06.2026
El tiempo

O IES Agra de Raíces abre as portas do seu pioneiro Ciclo Superior de Hixiene Bucodental

  • Vén de graduarse a primeira promoción en Galicia do Ciclo Superior de Hixiene Bucodental
Ciclo de Hixiene BUcodental no iES Agra Raices
Ciclo de Hixiene BUcodental no iES Agra Raices
O IES Agra de Raíces abre as portas do seu pioneiro Ciclo Superior de Hixiene Bucodental

O IES Agra de Raíces abre novamente as súas portas o 22 de xuño para dar a coñecer a súa formación sanitaria e mantén aberto o prazo de solicitudes para o Ciclo Superior de Hixiene Bucodental e o Ciclo Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría.

Tras o éxito das dúas edicións anteriores, o IES Agra de Raíces celebrará este luns 22 de xuño, en horario de 8.30 a 14.00 horas, unha nova xornada de portas abertas dirixida a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de preto a súa oferta formativa no ámbito sanitario. A iniciativa permitirá visitar as instalacións e as aulas taller dos ciclos de Hixiene Bucodental e Coidados Auxiliares de Enfermaría, así como resolver co profesorado calquera dúbida relacionada cos contidos formativos, a metodoloxía de ensino, as saídas profesionais ou o proceso de acceso aos estudos.

Ciclo de Hixiene BUcodental no iES Agra Raices 2

Ciclo FP de Hixiene BUcodental no iES Agra Raices

A xornada está pensada para estudantes e familias que desexen achegarse a unha formación cunha clara orientación práctica e profesional, ofrecendo a oportunidade de coñecer o equipamento e os recursos cos que o alumnado desenvolve a súa aprendizaxe.

Pero o centro tamén busca empresas nas que o alumnado poida completar a súa formación coas prácticas.

Prazo de inscrición aberto

Ademais, o centro lembra que permanece aberto ata o próximo 30 de xuño o prazo de solicitude de prazas para o Ciclo Superior de Hixiene Bucodental na modalidade dual intensiva, unha titulación que ofrece unha formación especializada e estreitamente vinculada á realidade laboral do sector sanitario na que os contidos se comparten entre o centro educativo e a empresa onde o alumnado realiza as prácticas e polas cales obtén unha remuneración económica.

Primeira promoción

Primeira Promocion do Ciclo de Hixiene BUcodental no iES Agra Raices

A convocatoria chega tras un curso especialmente significativo para o centro, xa que é a primeira promoción do Ciclo Superior de Hixiene Bucodental en modalidade dual intensiva que titula no IES Agra de Raíces. Este grupo de estudantes permitiu iniciar un modelo formativo que combina o ensino académico coa experiencia práctica en empresas, permitindo ao alumnado desenvolver competencias profesionais en contornas reais de traballo.

A graduación desta primeira promoción supón un importante paso para consolidar unha oferta educativa na Costa da Morte que aposta pola formación práctica, a proximidade co sector profesional e a mellora das oportunidades de inserción laboral no rural.
Desde o IES Agra de Raíces anímase a todas as persoas interesadas a participar na xornada de portas abertas e a informarse sobre unha formación cunha crecente demanda profesional.

Comentarios