A ANPA Bergantiños responde con rotundidade ao Conselleiro de Educación
Segue facendo amigas entre as familias da Costa da Morte o Conselleiro de Educación. Como xa fixo coas de Laxe e coas da Laracha, onte volveu responder con medias verdades e acusacións de mentir ás xentes voluntarias das ANPAS, nas que recae boa parte do peso da deixadez de funcións da administración pública.
Este venres entregaban en man un escrito coas súas queixas aproveitando a súa visita a Carballo ao IES Alfredo Brañas, e ante as respostas de Román Rodríguez, as familias emiten este comunicado, coincidindo coa nova concenfración realizada este luns ás portas do centro, xa co alumnado tamén formando parte da protesta:
Desde a ANPA A Granxa do CEIP Bergantiños queremos mostrar a nosa incredulidade e desconcerto ante a resposta do Conselleiro de Educación ás nosas demandas. En ningún momento, as familias denunciamos unha masificación no centro, tal e como el afirmou, nin que se superen as ratios de forma xeneralizada. Iso só sucede nunha aula de 5.º e nas unidades ponderadas. A nosa protesta está baseada na falta de atención que sofren os alumnos con necesidades específicas pola falta de horas dispoñibles do profesorado para prestarlles apoio e, sobre todo, de ter unha soa orientadora. Señor Conselleiro, non podemos falar só de número de alumnos, temos que falar das características dos mesmos e da necesidade de adaptar o cadro de persoal á situación. O problema non é a masificación senon a falta de recursos humanos para atender ao elevado número de alumnos con necesidades de apoio (un 35 % do alumnado e os 50 pendentes de avaliar que poderían elevar a porcentaxe ata o 43,5% do total). Todos estes datos estaban no escrito remitido á Inspección e o propio Conselleiro do que, por certo, non tivemos resposta oficial.