Ariadna Gil, Xavier Bobés, Zum-Zum Teatre e Kikolas entre as protagonistas da fin de semana do FIOT
Nova fin de semana espectacular do 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, desta volta repleta de traxedia e drama, ademais da despedida de ciclos como OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou mesmo do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado.
Destaca a presenza de dous pratos fortes desta edición, como son Ariadna Gil e Xavier Bobés, o festival pon o foco sobre a intransixencia como a orixe da xeración do conflito. As violacións de milleiros de nenas e mulleres na Guerra de Bosnia ou fusilamento de mestres na Guerra Civil española son as temáticas que se abordarán esta fin de semana no Programa de sala, a través da estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque e da representación de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca.
Se a obra de Gil será o domingo, o venres 27 terá lugar a representación o espectáculo escrito e dirixido a catro mans polo destacado dramaturgo Alberto Conejero e do creador escénico e intérprete Xavier Bobés, que volve a 1936.
O OTNI despídese con Zum-Zum Teatre e Clara Pampyn
O ciclo de máis innovador e alternativo do FIOT, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón dúas últimas funcións no marco desta edición do festival. A primeira delas chegará este xoves, 26 de outubro, coa presentación do work in progress de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan, un traballo de investigación e mediación de Clara Pampyn no que rende homenaxe ás intérpretes de danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. A artista, que realizou unha residencia o pasado mes de xullo no Pazo da Cultura, chega ao FIOT da man do programa Paraíso 2023 de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carballo.
Dous días despois, o sábado 28, a partir das 20.30 horas, o Salón de actos do Pazo da Cultura acollerá a estrea en Galicia da nova creación da compañía catalá Zum-Zum Teatre, nomeada El Testamento, coa que acadou o Premio FETÉN 2023 á mellor dirección. Un traballo exquisito e premiado, para público a partir de 14 anos, que despertará a imaxinación e a emoción do público a partir da apertura dun singular testamento en vida e vital. Xoguetes, retratos e outros obxectos que xorden dun moble, guiados con humor e ironía por Ramón Molins, crearán un momento único para as e os asistentes ao #FIOT32.
Jean Philippe Kikolas regresa ao FIOT
Entre as propostas desta fin de semana destaca o regreso ao FIOT de Carballo do pallaso, artista de circo e creador escénico Quique Méndez, coñecido como Jean Philippe Kikolas. O artista presentará por vez primeira en Galicia Duelo, o seu novo espectáculo, unha proposta de circo contemporáneo e teatro físico e xestual, no que tamén emprega técnicas do circo clásico. Un espectáculo ateigado de humor negro sobre a perda e a aceptación da vida, no que a fantasía circense dialoga cos límites humanos e a fugacidade da vida para reconciliarse con ela. O espectáculo, apto para público a partir de 10 anos, representarase o venres 27 e o sábado 28 na Praza do Concello desde as 19.00 horas. Con Duelo, de Kikolas, o FIOT botará o pano da programación de Teatro de Rúa até o ano que vén.
Últimas estreas absolutas do Metro Cadrado
Este sábado 28 tamén terá lugar a despedida do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que afronta a súa terceira e derradeira fin de semana. O espazo para o microteatro no #FIOT32 ofrecerá outras dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións pouco habituais para as representacións escénicas: esta semana, a acción decorrerá nunha habitación dunha pensión e nunha tenda de chocolate.
Así, nunha das habitacións da Pensión Rama, a Cía iO presentará Canta nai, canta, unha proposta na que a través das novas linguaxes e das artes do movemento, presentará ao público unha atmósfera marcada pola quietude e a danza. Pola súa banda, a Compañía Accidental presentará O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, na tenda Chocolates Mariño, unha peza que, a pesares das desgrazas, guerras e pandemias, quere festexar a vida arredor do sabor e aroma do chocolate. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.
Piensa en Wilbur, peche da Rúa dos Contos
A Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral en Galicia, tamén dirá adeus ao público fioteiro este sábado 28. Será nunha intensa fin de semana na que a “ovella negra” do FIOT presentará unha proposta ateigada de humor, risco e acrobacias imposibles no mercado municipal carballés. O ximnasta e intérprete Víctor Ortiz, Wilbur, chega ao FIOT de Carballo para presentar Piensa en Wilbur, un espectáculo que impactará, literalmente, no público, creando situacións imposibles que darán boa conta de por que Wilbur eéun auténtico fenómeno da escena (Circo do Sol), do cinema (traballou con Santiago Segura ou Álex de la Iglesia) televisión (Grand Prix) e, moi especialmente, nas redes sociais, onde conta cunha importante comunidade dixital.
AXENDA #FIOT32 | DO 26 AO 29 DE OUTUBRO
Xoves 26, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Las bailarinas no tocan el cielo: Las que bailan, de Clara Pampyn | Work in progress
Venres 27 e sábado 28, 19.00 horas. Praza do Concello
Duelo, de Jean Philippe Kikolas | Estrea en Galicia
Venres 27, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca de Xavier Bobés
Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Chocolates Mariño
O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental | Estrea absoluta
Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Habitación Pensión Rama
Canta nai, canta, de Cía iO | Estrea absoluta
Sábado 28, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
El testamento, de Zum-Zum Teatre | Estrea en Galicia
Sábado 28, 23.00 horas. Mercado Municipal
Piensa en Wilbur, de Wilbur | Estrea en Galicia
Domingo 29, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Hay alguien en el bosque, de Cultura i Conflicte e Teatre de L’Aurora | Estrea en Galicia
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0)
Exposición Zoom FIOT 2022