Venres. 29.03.2024
El tiempo

Aumenta un 15% a recollida de aceite usado en Carballo

O Concello reparte funís para o aceite usado
Aumenta un 15% a recollida de aceite usado en Carballo

Será porque o confinamento nos obrigou a cociñar máis na casa, ou porque cada vez estamos sendo máis responsables medioambientalmente. Pero a realidade é que a recollida de aceite usado doméstico no Concello de Carballo seguiu aumentando no primeiro semestre do ano, cunha media mensual de 1.307 quilos. Foron un total de 7.843 os quilos de aceite de cociña usado recollidos durante o primeiro semestre do ano, o que demostra un aumento dun 15% no uso deste servizo, en marcha dende 2018.

Nestes momentos hai 28 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano, pero tamén en Razo, Pedra do Sal, Berdillo, Ardaña, Sísamo, Artes e Noicela.
Os colectores máis utilizados son os situados xunto ao Centro Comercial Bergantiños, xunto á oficina de Caixabank na avenida de Fisterra e no Mercado Municipal.

As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas, que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).

1 litro de aceite = 1.000 litros de auga contaminada

Os aceites de cociña son altamente contaminantes. Por cada litro que recollemos evitamos a contaminación de 1.000 litros de auga. Ademais, evitamos problemas de drenaxe nas tubaxes e nos desaugadoiros e avarías nas depuradoras, e reducimos a dependencia de combustibles fósiles, ao poder transformar este residuo en biocombustible ecolóxico, diminuíndo ao mesmo tempo a contaminación atmosférica.

Novas relacionadas

Comentarios