Unha axenda do FIOT moi infantil para a ponte
Alén da estrea de É meu amigo!, o público infantil -especialmente a partir dos 8 anos- poderá gozar con outros espectáculos ao longo desta extensa fin de semana. Así, o xoves 12, o recoñecido clown catalán Guillem Albà presentará no marco do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha dobre función do seu premiado espectáculo Ma solitud -Premio Fetén 2023 ao Mellor Espectáculo de Pequeno Formato- que estreará en Galicia e do cal ofrecerá sesións ás 18.00 e ás 20.30 horas. Ao día seguinte, o venres 13, a compañía pioneira no teatro de marionetas en Galicia, Os monicreques de Kukas, presentará Gernika (Danos colaterais), un alegato antibelicista, stuil e poético que rende honmanxe a Picasso. Na peza, pensada para pases de 5 minutos, cun único espectador, conta cun formato de teatro íntimo, case de pintura en movemento, no que prima o traballo artesanal e a mirada plástica e artística.
Para público miúdo tamén é o espectáculo que abrirá unha nova edición do FIOT en Ruta, o programa do festival que leva as artes escénicas ás parroquias de Bergantiños. Así, o xoves 12, o clown galego Roi Borrallas presentará no Centro Social de Oza, ás 19.00 horas, o seu espectáculo Solo, proposta na que, a través dos monicreques, da manipulación de obxectos e do humor, reflexionará sobre a soidade e as caretas que todas e todos nos poñemos no día a día.
No caso do Programa de Sala, a programación estará marcada pola estrea absoluta, o venres 13, de O pequeno poni, de Paco Bezerra (Premio Nacional de Literatura Dramática 2019), cunha adaptación ao galego presentada pola compañía Redrum Teatro baixo a dirección de Álex Sampayo. Protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez, a peza aborda o acoso escolar e a homofobia. Ao día seguinte, ás 17.00 horas, o Dubra Café acollerá unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas na que participarán Paco Bezerra e Álex Sampayo.
Ademais, o sábado 14 o auditorio do Pazo da Cultura acollerá unha función de Sexpiertos, que chega da man de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se desenvolve entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na súa quinta edición, CEN -que se vinculou ao festival desde os seus inicios- escolleu FIOT como a iniciativa cultural galega de referencia para visualizar nos demais territorios participantes no proxecto. Nesta ocasión, propón un espectáculo distinguido co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta co intérprete Telmo Uriarte -Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación- como cocreador e coprotagonista.
Xa de cara ao domingo 15, o FIOT presentará un dos pratos fortes desta edición, a comedia negra El Traje, que conta con dúas das figuras máis recoñecidas do panorama escénico e audiovisual de España, como son os premiados Javier Gutierrez e Luis Bermejo. A cita, que en seguida esgotou as entradas dispoñibles, presentarase en Carballo o domingo 15 ás 20.30 horas.
Por outra banda, a Rúa dos Contos, o XXIV ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, ofrecerá dúas das súas sesións máis musicais do ano, Por unha banda, a narradora Vero Rilo, acompañada ao acordeón por Santi Cribeiro (Berrogüetto, Os d’Abaixo) presentarán no Casino 1889 (mércores 11, 21.00 horas) Tralalareira, historias de vida, de tradición oral e de contos para cantar. Dúas horas despois, ás 23.00 horas, a Taberna O Patacón acollerá o concerto Por elas, de Ahara & Ritman, no que a protagonista absoluta serán as letras das cancións.
Finalmente, o sábado 14 dará comezo o VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a proposta de microteatro do FIOT para apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. O acceso a estes espectáculos é gratuíto, mais cómpre facer unha reserva de praza previa a través do enderezo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.
AXENDA #FIOT32 | DO 11 AO 15 DE OUTUBRO
Mércores 11, 18.00 horas. Pazo da Cultura
É meu amigo!, de A trastenda dos contos | Estrea absoluta
Mércores 11, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Inauguración da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Mércores 11, 21.00 horas. Casino 1889
Tralalareira, de Velo Rilo e Santi Cribeiro
Mércores 11, 23.00 horas. Taberna O Patacón
Por elas (concerto), de Adhara e Ritman
Xoves 12, 18.00 e 20.30 horas. Pazo da Cultura
Ma solitud, de Guillem Albà | Estrea en Galicia
Xoves 12, 19.00 horas. Centro social de Oza
Solo, de Roi Borrallas
Venres 13, 17.30 horas. Pazo da Cultura
Gernika (Danos colaterais), de Os monicreques de Kukas
Venres 13, 21.00 horas. Pazo da Cultura
O pequeno poni, de Redrum Teatro | Estrea absoluta
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Crúa María Barca. Taller de olería
Ananaké? Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía | Estrea absoluta
Sábado 14, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Pista skate (Rego da Balsa)
O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir
Sábado 14, 17.00 horas. Dubra Café
Escola do espectador nas ondas. Coa participación de Álex Sampayo (director de Redrum Teatro) e Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2019 e autor de O pequeno poni.
Sábado 14, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa
Domingo 15, 20.30 horas. Pazo da Cultura
El traje, con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo