O FIOT de Carballo estrea este mércores 11 o espectáculo inclusivo "É meu amigo!"
A estrea absoluta do espectáculo inclusivo É meu amigo!, da compañía A Trastenda dos Contos, marcará o inicio dunha semana no FIOT marcada pola súa intensa actividade escénica e coa ollada posta no público infantil, con funcións programadas en seis das súas liñas de programación escénica, como Fiotiño ou Rúa dos Contos, ademais da apertura da mostra monográfica sobre Carlos ‘O Xestal’ no Pazo da Cultura.
É meu amigo! é un espectáculo inclusivo para persoas xordas e ouvintes, no que a lingua de signos e lingua oral contan e se integran por igual grazas ao traballo conxunto, para a creación desta peza, de Gema Santos e Caxoto, narrador cunha extensa traxectoria no FIOT e, particularmente, na liña para o público máis novo: o Fiotiño. “Cremos que a xestualidade da lingua de signos, e a combinación da palabra e do xesto, suma moito á hora de narrar contos”, apuntou Caxoto esta mañá na presentación da obra. Neste sentido, Gema Santos salientou “a importancia de que a cultura visualice e conte, nas súas propostas, cunha lingua minorizada como é a de signos; que ademais dota de riqueza ao espectáculo”.
Logo de dous anos de investigación na integración entre as dúas linguas -nas que, por exemplo, a construción gramatical é diferente- e a realización dunha residencia artística en Carballo, a estrea absoluta de É meu amigo! terá lugar mañá, mércores 11, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura; e a entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. Haberá espazos nas primeiras filas para persoas e familias con diversidade auditiva.
Exposición XESTAL
O acto desta mañá tamén deu pé ao anuncio da inauguración, este mércores 11 ás 20.00 horas, da exposición Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ unha proposta monográfica que se achega á persoa e ao traballo artístico do narrador oral Carlos Díaz Gestal, coñecido como ‘O Xestal’, a través dalgúns obxectos persoais e de gravacións que del se conservan. A mostra, que se situará no andar -1 do Pazo da Cultura, poderase visitar até o 12 de novembro.