Sábado. 07.12.2019
El tiempo

Balanzo dun ano da "Guerra da Velutina" en Carballo

Balanzo dun ano da "Guerra da Velutina" en Carballo
. A parroquia de San Xoán foi a máis afectada pola praga, cun total de 108 niños. A loita contra a vespa velutina saldouse no ano 2017 cun total de 647 niños retirados, segundo o balance que presentou este mércores a empresa contratada polo Concello de Carballo para a prestación do servizo de control de pragas. Esta cifra supón un incremento do 160% con respecto ao ano anterior, cando a presenza desa especie invasora se converteu nunha praga e nun problema para a poboación. Portada do cartaz aportado polo concello para info sobre a Avespa Velutina Á vista da magnitude do problema, e ante a insuficiencia de medios da Xunta de Galicia, o goberno de Carballo optou por afrontar directamente o problema, asumindo unha competencia que, sen embargo, corresponde á Administración Autonómica. No ano 2017 a loita contra a vespa velutina incluíuse no contrato do servizo de control de pragas, pero superáronse todas as previsións, e o Concello tivo que destinar 35.000 euros a combater o insecto. “Está ben que se fagan esforzos, pero a Xunta é a administración que ten que velar polo control da avespa asiática”, apunta o alcalde, Evencio Ferrero. Ningunha das 18 parroquias do concello carballes se librou da praga, pero a máis afectada no ano 2017 foi a de San Xoán Bautista, con 108 niños eliminados. Este dato tamén reflicte un cambio de hábito da propia especie, que ao principio facía os niños nas beiras dos ríos e nas copas das árbores, pero que cada vez se achegan máis ás casas. Despois das vacacións de Nadal, o Concello de Carballo iniciará unha campaña informativa nos centros escolares. O obxectivo é achegar aos nenos e nenas a información básica sobre a vespa velutina a través dunha unidade didáctica, unha presentación audiovisual e unha mostra do material que se utiliza para combatela. A actividade tamén incluirá a exposición dun niño primario, outro seccionado enteiro e outro seccionado para que vexan como é por dentro. Ademais, os técnicos ensinarán ao alumnado a construír as súas propias trampas para a campaña da primavera, que ten como obxectivo acabar coa maior cantidade de raíñas posible para intentar reducir o número de niños.

Comentarios