Bota a andar a 6ª edición do Carballo por Etapas cun taller para profesionais da hostalaría
08:07 17/05/18
Os chefs Javi Freijeiro e Iván Domínguez impartiron un curso dirixido aos profesionais que participarán na ruta das tapas de Carballo
Nas vésperas da sexta edición de Carballo por Etapas, os/as profesionais que participarán na ruta foron os principais destinatarios do curso que se levou a cabo nos dous últimos días na cociña do Fórum. O evento, organizado pola concellaría de Promoción Económica baixo a dirección Xosé Regueira, contou con recoñecidos chefs coma Javi Freijeiro e Iván Domínguez, posuidor dunha estrela Michelin.
Durante dúas xornadas, os mestres demostraron que é posible elaborar tapas actuais co produto de sempre, e que tamén se pode aforrar con receitas tan sinxelas como aproveitar os produtos de descarte, recorrer á estacionalidade ou utilizar
determinadas técnicas de cociñado.
Con estas premisas e unha firme aposta polo produto local e de proximidade, Javi Freijeiro e Iván Domínguez conseguiron converter a teoría en práctica. Deste xeito, o luns elaboraron xarda soasada, tacos de choco na súa tinta, chícharos e touciño e
espárragos, ovo 64° e mollo de carne. E o martes, aproveitando algúns produtos do día anterior, outras catro tapas: escabeche instantáneo (navallas e ajetes, mexillóns e cítricos), pescada, tirabeques e caldo de vainas; cachucha e brócoli, e bacallau fresco
marinado.
Datas
Desta forma, os/as hostaleiros/as participantes sacarán máis partido dos produtos locais na vindeira edición de Carballo por Etapas, que xa está moi pretiño: será a última fin de semana de maio (25, 26 e 27) e a primeira de xuño (1, 2 e 3). Os horarios non varían: os venres, de 20.00 a 22.00 horas, e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00. Así mesmo, como xa vén sendo habitual, os clientes recibirán con cada tapa un boleto co que poderán acadar premios instantáneos. E tampouco faltará o tren turístico percorrendo toda a ruta.
Novas relacionadas
- 2017: 19 locais montan no tren da 5ª edición do Carballo por Etapas
- 2017: Os hostaleiros fixan as datas para a quinta edición do Carballo por Etapas.
- 2016: Os hostaleiros fórmanse para o Carballo por Etapas
- 2016: O Carballo por Etapas repartirá 940€ en premios
- 2016: 21 paradas para o Carballo por eTapas.
- 2016: Xa hai datas para a ruta gastronómica de Carballo por Etapas 2016.
- 2015: Volven as eTapas a Carballo en forma de obradoiros
- 2015: Carballo preparáse para as máis ricas eTapas.
- Carballo por etapas crea escola.
- 2014: Carballo por eTapas servíu 6.000 tapas a primeira fin de semana.
- Carballo por etapas: Quedamos para comer Carballo por etapas.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo