Carballo estrea a exposición polos 50 anos de ADEGA

Carballo celebrou onte a inauguración da exposición “50 anos coidando da terra”, organizada con motivo do medio século de traxectoria da asociación ecoloxista ADEGA . A mostra repasa os principais fitos do ecoloxismo galego nas últimas cinco décadas e conta co apoio da institución provincial.
No acto inaugural participaron tamén Belén Lendoiro, tenente de alcalde do Concello de Carballo, María R. Lafuente, membro da Directiva de ADEGA, así como a deputada de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, acompados de xentes de Senda Nova e Grupo Hábitat.
Unha das intervencións máis emotivas foi a de Francisco Felípez, veciño de Carballo, quen rememorou a loita por Baldaio e a icónica mobilización do 8 de maio de 1977, que foi fortemente reprimida polas forzas de da orde daquel momento.
Na súa intervención, Rosa Ana García destacou que o nome da exposición “non só resume a traxectoria de ADEGA, senón que representa tamén un principio esencial que compartimos desde a Deputación da Coruña: o coidado da terra como compromiso ético, político e social”. García subliñou que a mostra “é moito máis ca un repaso histórico: é unha viaxe pola memoria do ecoloxismo galego”, desde as loitas contra a contaminación industrial ata a defensa do litoral, da biodiversidade ou a denuncia dos impactos ambientais.

A presentación rematou cunha visita guiada á exposición, na que 16 paneis e 4 totems cúbidos recollen moitos dos fitos históricos da asociación decana do ecoloximo galego, mais tamén de todo o movemento galego en defensa da terra.
Poderás visitar a exposición dos 50 anos de ADEGA na Praza do Concello de Carballo ata o 12 de agosto.