![limpeza-viaira-carballo]()
Dous tractores municipais traballan ata finais de mes na limpeza do casco urbano
Varias máquinas traballan estes días na campaña anual de roza das vías públicas de Carballo. Despois da posta a punto das vías forestais, que o concello de Carballo considera prioritaria para a prevención dos incendios forestais, nos últimos meses tamén se limparon os
máis de 600 quilómetros de pistas asfaltadas, e estes días os dous tractores municipais traballan no casco urbano co obxectivo de deixar libres de maleza todos os terreos situados en zonas de paso de peóns. Os labores comezaron a semana pasada e prolongaranse ata finais de mes. A partir de aí, os operarios centraranse na limpeza doutros 600 quilómetros de vías de zahorra que hai dentro territorio municipal carballés.
Ademais da limpeza da rede viaria, a concellaría de Obras e Servizos traballa tamén estes días no acondicionamento dos aparcamentos de zahorra distribuídos por todo o casco urbano. As tarefas de posta a punto xa se levaron a cabo nas áreas de
estacionamento das rúas Río e Pontevedra e na parte traseira do Pazo da Cultura, e proseguirán nos vindeiros días ata deixalas todas listas.