Carballo loita contra as toallitas, o gran mal das depuradoras
Está na nosa man, pero parece que a sociedade está demasiado acostumada ao mal xesto de tirar as toallitas húmedas polo váter. Son ”un dos graves problemas para as depuradoras”, como nos contaba en QPC un profesional do sector, e a súa erradicación das nosas redes de saneamento debería ser un obxectivo principal de campañas de conciencación medioambiental.
Así o ratifican dende Carballo, onde cada día, os traballadores da planta da Cepeira retiran entre 1.000 e 1.2000 quilos de residuos de desbaste, a maior parte toalliñas húmidas, pero tamén compresas, cueiros, envoltorios de produtos de baño, profilácticos... En calquera caso, residuos que nunca deberían tirarse polo váter, pois aínda que o envoltorio indique que son biodegradables coa etiqueta WC, o certo é que dende que as toalliñas húmidas chegan á EDAR ata que empezan a degradarse poden pasar máis de 48 horas. As fibras que as compoñen poden chegar a formar grandes madeixas que atascan colectores, bombas, válvulas e demais equipos dos sistemas de sumidoiros e depuración.
De aí que o Concello decidise tomar cartas no asunto. Vén de realizar un investimento de case medio millón de euros na EDAR para instalar un sistema de desbaste. Os equipos, que están funcionando en período de probas, consisten nunhas reixas de cribado nas canles de entrada de auga para reter os restos máis grosos (na súa maioría toalliñas) e evitar que pasen á seguinte fase do proceso de depuración, previndo deste xeito os continuos atascos e avarías que se viñan producindo nos equipos de bombeo.
Con este investimento, o Concello quere intentar paliar a doble vertente do problema, a ambiental e a económica. As madexas formadas son instaladas en contedores que, unha vez compactadas son enviadas á planta de tratamento de residuos, na que seguirán deixando a súa pegada ecolóxica.
Dende o Concello de Carballo fan ademais unha chamada á conciencia cidadá sobre os problemas que ocasionan este tipo de produtos, cuxo uso está cada vez máis estendido e que, polo tanto, chegan en maiores cantidades á depuradora.