Carballo pon en marcha o proceso de contratación de obras por case un millón de euros
08:10 24/10/17
O aglomerado de vías e a rede de sanemento en varias parrroquias serán as principais obras que se realizarán proximamente en Carballo
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na súa xuntanza de onte os expedientes de contratación de tres proxectos de obras nos que se realizará un investimento de 934.558,67 euros. A maior parte corresponde co aglomerado de vías estruturantes nas parroquias de Lema, Noicela, Rebordelos e Aldunde (336.767,72 euros) e coa rede de saneamento dos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, todos eles na parroquia de Entrecruces, por 254.009,10. A terceira actuación realizarase no casco urbano, dentro do plan municipal de mellora da seguridade viaria nas contornas escolares. Ao mesmo tempo que se está a traballar na zona do CEIP Xesús San Luís Romero, este novo proxecto permitirá mellorar a mobilidade no ámbito do CEIP A Cristina cun investimento de 343.781,85 euros.
Fibra óptica e adquisición de terreos
Durante a reunión de onte, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou un convenio de colaboración con Telefónica que permitirá o despregue dunha rede de fibra óptica no casco urbano. Mediante este acordo, o concello de Carballo pon a disposición da compañía as canalizacións xa existentes, e Telefónica comprométese a seguir implantando a rede nas novas zonas que se vaian urbanizando así como á retirada de cables naquelas zonas onde xa non sexan precisos.
Así mesmo, o goberno carballés deu luz verde a varias licenzas de obras, entre elas a solicitada pola consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a ampliación e reforma do IES Monte Neme. O proxecto acada os 573.583,15 euros de investimento.
A Xunta de Goberno Local tamén autorizou a adquisición de dúas parcelas no ámbito do sistema de espazos libres SX-EL1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se corresponde co Bosque. Estas dúas primeiras fincas teñen unhas superficies de
5.388 e 4.876 metros cadrados, e pagaranse a 5,98 euros o metro.
Novas relacionadas
- Asinados os contratos para as obras de reforma de seis centros sociais en Carballo
- As obras da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero carballés avanzan mentres se licitan as obras do pavillón
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo