Carballo rexistrou en 2018 o maior número de licenzas para vivendas dos últimos 10 anos
Parece que a economía vaise recuperando a pesar de que os "piquiniños" sigamos sen sentilo. Pero así o refrende a macroeconomía e tamén algunhas cifras municipais como as que sinala o Concello de Carballo, que vén tramitar en 2018 un total de 1.081 autorizacións de actividades, a cifra máis alta de solicitudes de licenzas para vivendas dos últimos 10 anos.
Son un total de 44 as novas vivendas que se formulan construír, entre elas o primeiro edificio de pisos proxectado dende 2008, un inmoble con 19 vivendas distribuídas en 5 plantas e que se situará na rúa Brasil esquina Costa Rica, xunto á Praza do Hospital.
En todo caso, o Concello é cauto, pois as cifras distan moito daqueles números da primeira década do século XXI. No 2003 presentáronse solicitudes para 371 vivendas, ou en pleno apoxeo da construción, a maior cifra acadouse en 2006, cando se tramiteron 1.138 licenzas.
Bos números de naves industriais
Porén, a construción de naves industriais no polígono de Bértoa continúa nos niveis máximos. O ano pasado recibiu o Concello carballés solicitudes para 21 naves, 6 delas no último trimestre, que foi moi activo. O nivel de ocupación está xa por riba do 80%, e a este ritmo o solo dispoñible esgotarase en menos de dous anos, polo que dende o Concello de Carballo insístese na necesidade de iniciar os trámites para desenvolver a terceira fase do polígono. A actividade comercial e empresarial fóra do polígono tamén é elevada, como demostran as 78 comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas o ano pasado. Dende o 2008, con cambio de normativa polo medio, a cifra supera xa o milleiro, cun total de 1.081 solicitudes de autorizacións de actividade.