martes. 18.03.2025
El tiempo

Catro carballesas protagonizan os actos do 8M

8M Carballo mulleres_completo
Catro carballesas protagonizan os actos do 8M

Por terceiro ano consecutivo, as concellarías de Innovación e Igualdade do Concello de Carballo artellan conxuntamente os actos polo Día da Muller con eventos para toda a familia, formulados para demostrar que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.

Catro carballesas con perfís moi diferentes, contarán súa experiencia:
    

  • Alba S. Novo foi a única muller da súa aula durante os ciclos superiores de Mecanizado e Soldadura. Traballou sempre no sector siderometalúrxico/naval, ata que no 2015 se incorporou como profesora da rama de Mecanizado ao IES Monte Neme, onde continúa dando clase.
  • Ruth Fuentefría Sánchez ten só 20 anos pero un currículum deportivo que impresiona, non só polos títulos acadados, que son moitos, senón pola modalidade que practica: halterofilia. 
  • Paula Nogueira Costa está vinculada desde o ano 2000 a Finsa, empresa do sector da madeira de referencia en medio mundo. Cunha extensa formación vinculada á economía, a empresa e a sustentabilidade, desde o ano 2024 é directora económica de Finsa.
  • María Costa Pereira defínese como “artesá do ritmo na escena underground galega”. É percusionista en bandas como Franc3s ou Elvis Negro e ten actuado en festivais de todo o Estado.

A xornada do mesmo sábado 8 de marzo comezará ás 19.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico [email protected].

Despois da mesa redonda celebrarase unha sobremesa musical, na que se servirá un aperitivo preparado polo alumnado de Cociña do Fórum Carballo, e na que contaremos coa actuación do dúo formado por Marian Ledesma e Sofi Canedo (piano e voces), que interpretarán grandes éxitos de mulleres de todo o mundo. 
Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 19.00 ata as 22.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. 
Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.


 

Comentarios