O Centro Integral de Saúde de Carballo ou un novo proceso de centralización dos recursos no rural

Continúa Carballo algo liada arredor do nomeado Centro Integral de Saúde. O PP vén de anunciar que vai seguir adiante coa súa proposta de “remodelación integral” do centro carballés nun CIS. Unha petición que pasou polo pleno previa enmenda do BNG para pedir que ademais que se recuperase unha consulta de xinecoloxía e outra de ciruxía perdidas nos últimos anos, e que se sumasen novas especialidades.
En calquera caso, o deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo xa presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para a creación do devandito Centro Integral de Saúde, reiterando que Carballo entra no Plan de Atención Primaria de Galicia ao ser centro dunha comarca con máis de 60.000 habitantes.
”Pero que significa convertir o Centro de Saúde de Carballo nun CIS?”, pregúntanse os profesionais que onte, como cada xoves, saíron ás portas do centro para demandar que se acaben os continuos recortes, para pedir que se xestionen ben os recursos humanos, en definitivia para que tod@s teñamos unha atención primaria digna.
En realidade, o Centro carballés xa acolle, como implicaría para un CIS, os tres servizos principais: un Punto de Atención Continuada (PAC) para os concellos de Carballo, Coristanco e Malpica; un Centro de Saúde e un Centro de Especialidades comarcal, aínda que cada vez sexan menos as especialidades que cobre. Entón, “Que significa isto? Poñerlle un nome ao que xa hai?”, pregúntanse os profesionais. “Se signfica que van aumentarse os servizos e especialidades, benvido sexa, pero o que vemos ata agora son recortes”, sinalan.
E van máis alá, porque en xeral os profesionais sanitarios o que perciben é que se trata dun centro xa “ingobernable”, demasiado grande, e moitos pensan que a solución pasaría por abrir un novo centro de saúde que atenda exclusivamente a atención primaria e separalo así do PAC e as especialidades.
E por otro lado, “este CIS implicaría quitar servizos noutros concellos? Tamén traer a atención primaria doutros concellos, por exemplo?”, pregúntanse lamentando que a política continúa da Xunta sexa a de “centralizar” como xa vén facendo o Sergas en meses como o de agosto, onde o servizo de pediatría ou de matrona de Concellos como Malpica ou Coristanco se traslada a Carballo, “quitándolle continuamente servizos e servizos ao rural”.