sábado. 15.02.2025
El tiempo

A comunidade que xa xera a Rede polo Decrecemento

Este sábado foi unha xornada moi especial e importante para a Rede polo Decrecemento de Carballo. As súas xornadas de portas abertas foron toda unha demostración do interese que está a xerar este movemento local e mundial na nosa comarca.

Dende dentro, o activo Vítor Lourenzo, cóntanos así de emotivo, como viviu estas xornadas.

Rede de Decrecemento no Casino Carballo
Gran acollida á xornada da Rede polo Decrecemento no Casino 1889
A comunidade que xa xera a Rede polo Decrecemento

A Comunidade que forma a Rede, por Vítor Lourenzo

Hoxe é domingo e vai sol. As dúas últimas semanas, especialmente a última, foi esgotadora. Por iso, hoxe presta especialmente. 

Unha xuntanza calquera no Casino de Carballo do grupo da Rede polo Decrecemento deu nun proxecto de xornada decrecentista que, por ilusionante, non nos fixo ser conscientes da traballeira que requeria. Esbozo de horarios, coñecer a disposición e coordinarse coas palestrantes, as feirantas e as cantareiras, o xantar comunitario (hai que cociñar para achegar a nosa aportación. Linda, sempre Linda, alimentando a vida…), axeitar o espazo do Casino, o son, as gravacións, a barra, a bebida, o cambio, a difusión en redes, a prensa, a impresión do fanzine O Caracol. Por fin!!!…centos de mensaxes, posts en redes, chamadas, correos electrónicos, a prensa…convites….a coordinación interna do grupo!!! Máis ca un grupo, un grupazo!!!

Na última semana axudan unha intoxicación alimentaria que se mistura cunha gripe e unha cadea de borrascas que nos obriga a visitar, in-extremis, na procura de solucións e aínda entre suores, as entrañas do edificio do Casino que ten cen anos e un desleixo acumulado difícil de arranxar en sete. Máis cando as que poden miran cara outro lado, sumisos co poder da especulación que segue a governar Carballo. Unha historia que non é que se repita, senon que, esencialmente, permanece, coma unha tradición centenaria por moito que pinten a fachada de azul. Mola Carballo, o Chefchaouen bergantiñá. Para turistas e instagrammers.

E nestas chega o sábado. A enfermidade non dá desaparecido de todo despois dunha semana. Suor!!! Vai frío. Climatolóxica e socialmente falando. As expectativas parece que non se cumpren. Comeza a palestra, séntome a escoitar e gozar tentando abstraerme e de súpeto, o salón cheo, as caras curiosas e expectantes, hai que colocar máis cadeiras…a conversa posterior bota por fora… a comunidade, finalmente, imponse. E ven. Dende Muxia, Ferrol, Miño, Ordes, Compostela, Lousame, A Coruña, Cerceda…as veciñas!!!! Joam Evans, María Castelo, Begonha de Bernardo, Roberto Rivas, Jose de Senda Nova... Xente sen a que non se entendería o Vitor Lourenzo de hoxe. A Rede. A cara de felicidade, de agradecemento das participantes. E lembrar, chorando (son un choromicas, si…), que son arredor de 15 anos aprendendo e mamando no teto da comunidade que foron para min, que son aínda, a asociación Véspera de Nadal e o Partido da Terra e a felicidade de que todo o que aprendín da man delas por máis dunha década, agromou no Casino de Carballo, desta volta a través de Rede polo Decrecemento de Carballo mais sempre na casa común, O Casino, esa casa de todas que simboliza a inclusión, a diversidade, o patrimonio, a cultura, a loita contra a especulación e sobre todo COMUNIDADE!! Esa palabra que non podo quitar da cachola e sen a que xa non podo entender a miña vida. Esa casa común que todas as que creemos na cultura e no patrimonio temos obriga de defender agora. É urxente, non pode agardar a que nos veña ben, a que non teñamos nada mellor que facer, porque se cadra, cando nos veña ben, é tarde demáis.

Obrigadísimo!! Hoxe vai sol grazas a vós.

  • Vítor Lourenzo.

Máis novas

Comentarios