Coñecéndose a sí mesmas
08:08 07/06/18
Quince mulleres participan nun programa psicoeducativo que desenvolve a concellería de Igualdade de Carballo
Quince mulleres do concello de Carballo participan desde xaneiro no programa psicoeducativo "Autocoñecemento para o cambio", baseado nunha serie de aspectos vitais que favorecen o crecemento persoal e a mellora da saúde e a calidade de vida das persoas. A partir de hoxe faise un parón ata setembro, e as participantes recibiron a visita da concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que lles expresou o seu desexo de que grazas a este tipo de iniciativas mellore a súa autoestima, se queiran máis e consigan tamén ser máis queridas.
O programa, organizado pola concellaría de Igualdade e Benestar a través do CIM, consta de tres bloques. No primeiro, sobre autocoñecemento, traballáronse durante os tres primeiros meses os recursos básicos dos que dispoñen as persoas para o crecemento e a autonomía persoal. Neste segundo trimestre abordáronse os vínculos afectivos de cara a propiciar relacións de igualdade. E no terceiro bloque, que se desenvolverá de setembro a decembro, trataranse os conflitos e as dificultades que se
presentan ao longo da vida e as aprendizaxes que se poden sacar deles.
O desenvolvemento do obradoiro corre a cargo de Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social especializada na terapia do reencontro, que combina un enfoque de xénero, terapéutico e comunitario. A metodoloxía é participativa e vivencial, a través de dinámicas que promoven a reflexión individual e colectiva e que permite que cada persoa traballe sobre as súas propias experiencias sen necesidade de compartilas. As sesións celébranse todos os mércores de 10:00 a 12:30 horas.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo