Luns. 07.10.2024
El tiempo

O Coworking de Carballo xa está a disposición de emprendedores ou empresas de nova creación

coworking carballo
O Coworking de Carballo xa está a disposición de emprendedores ou empresas de nova creación

Despois da parálise provocada pola COVID-19, xa está de novo en funcionamento o Coworking Carballo, un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos emprendedores ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, está aberta no 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo. O prazo de solicitude está aberto.

A vocación do Carballo Coworking, segundo indican, é a da creación dun espazo óptimo de traballo e convivencia e dar as ferramentas precisas a unha comunidade plural de traballadores e traballadoras para desenvolver con éxito os seus proxectos, de distintos sectores produtivos e profesionais de especial interese para o conxunto da comarca. O principal obxectivo será o de ofrecer un servizo diferenciado e personalizado a cada un dos usuarios e usuarias.

"Este espazo é un proxecto especialmente importante ao tratarse do primeiro destas características, non só nun Concello relevante en termos de poboación (máis de 30.000 habitantes) como o é o caso do Concello de Carballo, senón do conxunto da comarca de Bergantiños e comarcas lindeiras de toda a Costa da Morte", afirman dende a coordinación do Coworking. Ademais, este ten aspiracións de medrar formando parte dunha Rede Provincial de Centros de coworking e sumando sinerxías con outras iniciativas de parecidas características da provincia da Coruña, como é o caso dos coworking dos concellos de Oleiros, Boiro ou Brión.

coworking carballo

Outra das características que o definen e diferencian do resto de espazos deste tipo é que conta cunha continua titorización e mentorización. No Coworking sinalan que "en función do tipo de empresas e emprendedores que se vaian instalando no espazo, adaptaremos o contido da orferta formativa ás necesidades obxectivas e perfiles que se asenten, en función das necesidades e demandas expostas polos propios usuarios e usuarias do centro".

Para a impartición destes módulos formativos, haberá persoal especialista nas diferentes materias e contarán coa colaboración de entidades asociativas de recoñecido prestixio e traxectoria no apoio aos proxectos empresariais de base territorial para a impartición de determinados módulos e “charlas maxistrais”.

Ademais, a parte dos 156 metros cadrados habilitados para os 18 postos de traballo, as persoas usuarias do coworking poderán utilizar o auditorio, que ten capacidade para 100 persoas; unha aula de formación e xuntanzas e outros espazos comúns. O Concello de Carballo farase cargo de todo o material e de todos os gastos.

Comentarios