A CRA de Carballo celebra o X Premio Concepción Arenal

Acompañada do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de educación e terceira idade, Mar Eirís, e a directora do CRA, Teresa Rodríguez, puido coñecer de primeira man o proxecto “ArROUPAme na Igualdade”, gañador do concurso.
Este proxecto “é boa mostra do compromiso deste centro cunha educación que vai máis aló da formación académica, para poñer o foco en valores tan implorantes como a igualdade, o traballo en equipo ou a reflexión, entre outros”, sinalou a deputada. “Nestas idades nas que se está desenvolvendo o espírito crítico, iniciativas como esta son esenciais para combater prexuízos, cuestionar os estereotipos e fomentar o respecto, entre moitos outros, e este centro é o mellor exemplo diso”.
Un proxecto que foi premiado, en palabras do xurado, por “técnico estruturado, claro e coherente, cun título creativo en simbiose cos obxectivos e actividades”. A proposta céntrase, segundo o comité avaliador, “en explorar e cuestionar os estereotipos de xénero na moda, en reflexionar sobre o impacto social e cultural da vestimenta como expresión de diversidade e identidade, así coma en concienciar sobre as desigualdades laborais e éticas no sector, promovendo un consumo responsable”.
A directora do centro, Teresa Rodríguez, explicou o funcionamento do proxecto e a súa boa acollida por parte do alumnado, co que a deputada tivo a oportunidade de interactuar. Concretamente, Soledad Agra visitou as escolas das Artes e de Sísamo, onde ademais do proxecto, descubriu “con moito orgullo”, como é un día “nestas escolas rurais, que son exemplo de comunidade, empatía, tolerancia, diversidade e colaboración, e unha gran fonte de riqueza para os alumnos e alumnas de idades diferentes que conviven, comparten, aprenden e son educadas dun xeito tan inclusivo e igualitario”.