Mércores. 27.01.2021
El tiempo

Denuncian un novo expediente no seo da convulsa Policía Local carballesa

Denuncian un novo expediente no seo da convulsa Policía Local carballesa

Apenas uns días despois da apertura de novos expedientes no seo da Policía Local, o sindicato A Alternativa volve denunciar o que entende como un “novo castigo ao persoal municipal” “baixo os designios do xefe policial”.

Neste caso trátase do traslado dun compañeiro do corpo, que xa fora expedientado, ao Departamento de Servizos Sociais. Un axente que pedira que se lle excluíse do servizo a pé de rúa por uns problemas médicos, pero que non solicitara a súa exclusión do corpo policial.

Segundo a agrupación de traballadores, “a xurisprudencia recolle de forma abondosa o principio da reformatio in peius: a imposibilidade de que unha solicitude derive en empeoramento das condicións para quen a subscribe. Intentar agochar a resolución baixo a petición do interesado, a quen se aparta do corpo policial e do seu grupo operativo despois de case tres décadas de servizo, é unha forma clara, flagrante e denigrante de sanción encuberta no ámbito laboral”.

Critica o voceiro Vítor Recarei a diferente lectura e rapidez do concello á hora de abrir ou non expedientes, e lamenta que a notificación do expediente chegase o 30 de decembro con data de incoporación ao novo posto o 1 de xaneiro, “entre a notificación e a aplicación da resolución non media ningún día hábil para que o afectado poida facer ningún tipo de xestión nin buscar ningún tipo de recurso”.

Consideran pois a actuación “un desprezo absoluto a un profesional con case trinta anos ao servizo do Concello de Carballo e unha demostración máis de que só saben exercer o seu poder ás ordes dun xefe accidental da Policía Local empeñado en sementar a confrontación no seu corpo policial”.

Novas relacionadas

comentarios