Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A desprotección dunha familia de Carballo ao descubrir como estaba o seu piso arrendado

Lixo acumulado nunha vivenda de Carballo
Lixo acumulado na vivenda de Carballo
A desprotección dunha familia de Carballo ao descubrir como estaba o seu piso arrendado

Nos gustamos de alimentar o bulo da okupación no noso país, pero hai situacións que viven os propietarios que son verdadeiramente surrealistas. O equilibrio na lei de vivenda entre a protección ás familias máis vulnerables e os dereitos dos propietarios é moi complicado, e habería diferenciar moito como afecta á lei a un tipo de propietarios ou a outros, porque non é o mesmo facer unha lei que regule os alugueiros pensando na especulación urbanística dun banco ou un multipropietario, que nunha familia que puxo os seus aforros nun piso.

É o caso dunha familia de Carballo. Aos seus 70 anos investiron nun piso pensando en axudar a ter unha xubilación un pouco máis cómoda e tranquila. O que menos imaxinaban era que ese piso ía ser un foco de problemas… e de porquería. Unha odisea cunha inquilina que, por sorte, rematou o pasado mes sen necesidade de que actuase a xustiza. Pero a ansiedade, a preocupación, as noites sen durmir e a pelexa por limpar a desfeita, aí quedou.

A problemática comezaba polo 2020, en plena pandemia, cando os impagos xa comezaban a normalizarse. Primeiro as facturas da luz e da auga, pouco a pouco o aluguer… Fartos de escoitar excusas e argumentos vitimistas, os dous xa octoxenarios necesitaron traspasar a responsabilidade á súa filla, Susana, para poder recuperar o soño perdido.

Cada poucos meses Susana tiña que pedir un calendario de pago das débedas que se acumulaban e acumulaban… Pero o que non sabía Susana era que o máis se acumulaba era o lixo.

”Pensas que estas cosas só pasan na tele”, explica Susana, que non entende como unha muller perfectamente normal duns 50 anos,, cun traballo fixo, cun fillo… pode chegar a almacenar tal cantidade de “merda”. “Xa non só é a paciencia que tes que ter para ir tratando un asunto así, é que é moi inxusto sentirte tan desprotexido diante da lei ante os impagos”, denuncia.

A cousa foise complicando pouco a pouco, e en marzo deste ano a cousa xa se volveu insostible. A inquilina xa acumulara case 4.000€ de débeda a pesar de que teoricamente, tiña traballo fixo.

As continuas evasivas, obrigaron a Susana a enviar un burofax para solicitar a súa marcha. Un mes despois do burofax a inquilina marchou e deixou as chaves nos contadores, asegurando que ía intentar ir saldando a débeda pouco a pouco.

A gran sorpresa (certo que algo raro tamén esperaban) levouna Susana cando abriron o piso… Toneladas de lixo acumulábase por todas partes. O cheiro era absolutamente inhumano. Como é posible que unha persoa estivese vivindo nesas condicións? pregúntase Susana. “Como lle dis á túa nai como está o piso que ten arrendado?”, preguntábase Susana ente vómito e vómito cando entrou na vivenda.

Intentaron contratar unha empresa de limpeza, pero ninguén quería afrontar esa aventura. Así que puxeron “luvas á obra”, enchendo 6 contedores de lixo, ata arriba, ademais de 3 remolques cos colchóns, somieres, sofás… o mobiliario que renovaran xusto antes de que entrara a individua.

Por todo iso, a familia quere, sen facer público ningún dato, polo menos mandar este SOS para que as administracións permitan aos pequenos propietarios ter un control un pouco máis cercano das súas propiedades, e que a xustiza poida meter man a esta clase de persoas estafadoras.

Comentarios