Dezaoito emprendedores ou empresas de nova creación xa poden utilizar o Coworking de Carballo
O 1 de marzo empezará a funcionar o Coworking do Concello de Carballo, un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos emprendedores ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, será o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo.
O prazo de solicitude xa está aberto a través da sede electrónica do Concello de Carballo. O regulamento de funcionamento do coworking, que estará operativo dende o 1 de marzo ata o 31 de agosto, pode descargarse na web do Concello de Carballo.
Dende o concello indican que o coworking pretende impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos “da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social”, tal como figura no regulamento de funcionamento.
Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para os 18 postos de traballo, as persoas usuarias do coworking poderán utilizar o auditorio, que ten capacidade para 100 persoas; unha aula de formación e xuntanzas e outros espazos comúns. O Concello de Carballo farase cargo de todo o material e de todos os gastos.