Dous novos premios Quijotes para Marcos Rodríguez
O fotógrafo costeiro Marcos Rodríguez volve á roda dos premios. Desta volta o carballés triunfou nos Premios Quixote de Fotografía Profesional. A Asociación de Fotógrafos Profesionales de Castilla la Mancha (AFOCAM) entregoulle na gala celebrada este xoves, dous galardóns nas categorías de “Voda” e “Paisaxe”.
O recoñecido pola súa mirada poética e documental sobre o territorio e as persoas conquistou así dous dos premios máis prestixiosos do estado dentro do ámbito da fotografía profesional, e destacan a excelencia técnica, a creatividade e a sensibilidade artística dos seus autores.
O mesmo xoves, pola mañá, Marcos Rodríguez ofreceu a relatorio “Intencións imperfectas / Mentres dure a luz”, unha presentación moi aplaudida polos asistentes na que compartiu o seu proceso creativo, a súa filosofía de traballo e a relación entre emoción, memoria e fotografía.
“Estes premios son un recoñecemento á paixón, á constancia e ao compromiso cunha forma de mirar. En cada imaxe tento contar o que sinto, non só o que vexo”.
Autor do libro Finis Terrae e presidente da Asociación de Fotógrafos Profesionais de Galicia (ASFOGAL), Marcos Rodríguez consolida con este dobre recoñecemento unha traxectoria marcada pola sensibilidade, a honestidade visual e a procura da luz como linguaxe universal. Desde ASFOGAL, a entidade que preside, celébrase este triunfo como “un orgullo para toda a fotografía galega e unha mostra do altísimo nivel dos nosos profesionais”.
Ademais do dobre galardón obtido por Rodríguez, Galicia tivo unha destacada representación nos Premios Quijote, con varios fotógrafos galegos nomeados en diferentes categorías: Amanda Pérez (Mate Estudo), Carlos Meco, Cristina Becerra, Roberto Ouro, Toño Villar, Vicente Domínguez e Isabel Silvariño, reflectindo o gran momento que atravesa a fotografía profesional galega e o nivel dos seus autores.