A escola do Consumidor ponse en marcha no Mercado carballés
O mercado municipal de Carballo converteuse onte no punto de partida do Mes das Persoas Consumidoras coa inauguración da terceira edición de MercaEscola e o inicio do reparto de boletos para o sorteo de 10 carriños da compra.
A nova edición do programa formativo arrancou con 30 persoas participantes, esgotando un ano máis as prazas dispoñibles. A primeira sesión, titulada Coñece e defende os teus dereitos como consumidor/a, desenvolveuse dentro do programa Consumo en ruta do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), e estivo centrada na información práctica sobre dereitos, reclamacións e protección das persoas consumidoras.
O programa, que esgota as prazas todos os anos, vai reciclando os contidos, con sesións moi variadas e útiles no día a día, poñendo en valor ademais o mercado municipal como algo máis ca un espazo de compra.
Coincidindo co inicio de MercaEscola, este luns comezou tamén o reparto de boletos para o sorteo de 10 carriños da compra, que se celebrará o día 16 de marzo. Por cada compra realizada en calquera posto do mercado —sen importe mínimo— entrégase un vale para participar.


